A activa rede de comerciantes e profesionais do Milladoiro organizará, coa colaboración do concello de Ames, unha feira multisectorial os vindeiros días 22, 23 e 24 de setembro. O envento realizarase no pavillón polideportivo, Casa da Cultura e na zona de aparcadoiro que está ao carón destas instalacións municipais.
Trátase dunha feira multisectorial que contará de tres sectores expositivos: comercial, empresarial e profesional. Deste xeito, os stand representativos do comercio amesán ocuparán 1.000 metros cadrados no interior do pavillón de deportes; a exposición das empresas do concello estarán baixo carpas e stands no aparcadoiro da Casa da Cultura e ocuparán 180 metros cadrados; e a exposición de negocios profesionais ocupará unha dimensión semellante no mesmo espazo. Ademais, no aparcadoiro da Casa da Cultura, haberá catro áreas de exposición máis que se dedicarán a automóbil novo, automóbil usado, maquinaria e xardinería e flores.
Na mesma feira realizaranse sorteos de agasallos entre os visitantes que fagan compras na Mostra. Os premios serán entregados por diferentes persoeiros de recoñecemento no Milladoiro. Un concurso fotográfico de mascotas, a festa infantil “Volta ao cole” e radio en directo completan a programación prevista para a I Mostra Milladoiro. Este evento ten o obxectivo de reunir aos sectores empresariais, comerciais e profesionais de Ames e a súa contorna, dalos a coñecer e poñelos en valor na bisbarra.