Comeza o ano en galego cos programas do videpodcast O Vagón! Xemelgas e xéminis, case poderiamos dicir que valen por catro, pero foi en formato trío como revolucionaron a escena musical galega, con esa mestura entre o tradi máis punki e os ritmos urbanos. Vencedoras morais do Benidorm Fest, triunfaron en Riazor, pero tamén en Balaídos. Durante moito tempo puido costar distinguilas, pero elas tiveron claro que eran opostas case dende o mesmo nacemento, o ying e o yang, o branco e o negro. Neste capítulo 4 do videopodcast producido e realizado por Nós Televisión, que presenta Luís Pardo, suben a O VAGÓN, dous terzos de Tanxugueiras, Olaia e Sabela Maneiro.
Cando decidiu mesturar no seu alcume dous ingredientes tan diferentes como percebes e grelos non imaxinou que a marca ía chegar así de lonxe. Agora, xa co seu verdadeiro nome, esta rapaza que no instituto quería ser guionista ou correctora ortográfica lidera as listas de podcast máis escoitados (Estirando el chicle, Ni tan bien), escribe libros, enche recintos e fantasea con protagonizar o seu propio show sobre as táboas. Carolina Iglesias protagoniza o 3º capítulo do videopodcast O Vagón.
Aínda que ten apelido de cabo, a Xosé A. Touriñán tócalle moito prodigarse en papeis de golfo, porque en Madrid non acaban de crer que teña man para a comedia. En Galicia, sabemos que cando a fai é criminal. Empezou poñendo en prácticas sobre o escenario todo o que aprendera na taberna familiar, e despois, tras bater récords tanto na TVG como no teatro, como en Netflix, acariña a idea de facer un wéstern galego ou como diriamos aquí, unha de vaqueiros. O actor e humorista Xosé A. Touriñán protagoniza o 2º capítulo do videopodcast O Vagón.
Nun mundo como o do fútbol profesional, dominado polos egos e a testosterona, Borja Iglesias resulta tan exótico como un adorable osiño branco e negro. Non ten medo a meterse nas pozas que habitualmente os seus compañeiros de profesión evitan a toda costa, como o machismo no deporte ou a relación coa política. Todo sen perder o seu eterno sorriso e nin sequera despintar as uñas. O dianteiro do RC Celta de Vigo protagoniza o 1º capítulo do noso videopodcast!
O programa #OVagón recibiu o Premio no I Certame ‘Fondo de Apoio a Proxectos Culturais Singulares para a Mellora Social 2025’ da Deputación da Coruña e está patrocinado por Deleite e Daveiga, ademais de contar co apoio de Gadis e A Estación do Concello de Vedra, onde foi gravado. Conducido polo xornalista Luís Pardo, conta en todos os capítulos cunha sección especial en colaboración con Aquí tamén se fala e unha sección de Xogo ideada pola xornalista Xiana Arias e presentada por ela mesma e pola actriz e comunicadora Carmen Méndez.



