Home Programas Espazo Aberto Comeza o servizo de atención psicolóxica a través do 112 por mor do coronavirus e do confinamento

Comeza o servizo de atención psicolóxica a través do 112 por mor do coronavirus e do confinamento

0
Comeza o servizo de atención psicolóxica a través do 112 por mor do coronavirus e do confinamento

A Xunta de Galicia pon en marcha un dispositivo de atención psicolóxica a través do 112, dirixido a toda a poboación galega, para atender o grave impacto no benestar psicolóxico e na saúde mental que ten esta urxencia sanitaria polo coronavirus.O servizo, que prestará o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, xa está dispoñible a partir deste luns e funcionará a través do teléfono de urxencias 112 as 24 horas do día, 7 días á semana.

O equipo de profesionais que atenderá este servizo serán as profesionais do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE). Este grupo de profesionais estarán, á súa vez, en coordinación coas psicólogas e psicólogos clínicos do SERGAS para derivar a aquelas persoas que requiran dunha atención máis especializada.

Que é o GIPCE?

O GIPCE é un grupo de psicólogos e psicólogas do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e especializados na atención psicolóxica en situacións de urxencia e catástrofes. Coa súa intervención procuran minimizar o impacto nas persoas afectadas, restaurar as súas capacidades e recursos para que poidan resolver o máis eficazmente posible a situación de estrés e previr posibles problemas psicolóxicos posteriores. Tamén asesoran a dirección da emerxencia sobre o impacto psicolóxico das súas actuacións nos colectivos afectados, e realizan tarefas de autocoidado de grupo para tratar de diminuír o estrés nos intervenientes tras realizar unha intervención.

O GIPCE intervén durante o tempo que dura a situación crítica en contextos como accidentes, inundacións, naufraxios, desaparicións, secuestros, situacións de violencia etc., nas que haxa persoas afectadas que precisen de atención psicolóxica, e sempre e cando as persoas afectadas acepten a súa participación. Pertence ao Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, e desde o ano 1997 conta cun convenio coa Xunta de Galicia para o seu mantemento e intervén a través do 112. Actualmente constitúe unha rede de profesionais capaz de dar unha resposta eficaz neste tipo de situacións as 24 horas do día durante os 365 días do ano na nosa comunidade.