Cando decidiu mesturar no seu alcume dous ingredientes tan diferentes como percebes e grelos non imaxinou que a marca ía chegar así de lonxe. Agora, xa co seu verdadeiro nome, esta rapaza que no instituto quería ser guionista ou correctora ortográfica lidera as listas de podcast máis escoitados (Estirando el chicle, Ni tan bien), escribe libros, enche recintos e fantasea con protagonizar o seu propio show sobre as táboas.
Carolina Iglesias protagoniza o 3º capítulo do videopodcast O Vagón, presentado por Luís Pardo e producido e realizado por Nós Televisión. Durante o programa, Pardo e Iglesias conversan sobre os seus inicios no mundo dos escenarios, sobre a importancia da saúde mental e de ter tempo para unha mesma, sobre o colectivo LGBTI+, sobre a súa vida de nena en Galicia e de adulta en Madrid e moito máis, nun encontro no que tamén hai tempo para descubrir unha habilidade moi musical e galega de Carolina: A de adiviñar e poder conrtinuar a letra de cancións do Xabarín Club con só dicirlle unhas primeiras palabras do tema.
O programa O Vagón recibiu o Premio no I Certame ‘Fondo de Apoio a Proxectos Culturais Singulares para a Mellora Social 2025’ da Deputación da Coruña e está patrocinado por Deleite e Daveiga, ademais de contar co apoio de Gadis e A Estación Concello de Vedra. Conta en todos os capítulos cunha sección especial en colaboración con Aquí tamén se fala e unha sección de Xogo ideada pola xornalista Xiana Arias e presentada, neste capítulo, por ela mesma.
Pode verse na canle de youtube de Nós Televisión, en aberto para todos os públicos; en Spotify; en Movistar Plus+ para todos os clientes de todo o Estado español; e na canle 9 de R, para todos os clientes de Galicia. Así mesmo, é promocionado a través de cortes en todas as redes sociais (Instagram, Facebook, x, Tiktok), co obxectivo de chegar a unha maioría social.



