Anxos Fazáns é a directora do filme ‘As liñas descontinuas’, que se pode ver nas salas dos cines comerciais desde estes pasado venres 20 de febreiro. As cámaras de Nós Televisión estiveron con ela para falar sobre as expectativas de acollida, como se xestou o proxecto, a situación que atravesa o audiovisual na nosa comuniddade, a escolla de protagonistas, o idioma galego e moito máis.
A película está nominada en 11 categorías distintas para os Premios Mestre Mateo que se entregarán o 21 de marzo en Lugo, igual número de candidaturas finalistas que ‘Sirat’ de Oliver Laxe.
‘As liñas descontinuas’ é a segunda longametraxe que dirixe Fazáns, un audiovisual moi musical, un drama intimista rodado integramente en galego, protagonizado por Mara Sánchez, que regresa ao mundo actoral tras uns anos apartada; e Adam Prieto, para o que Denís supón o seu primeiro papel na interpretación. No filme, Bea é unha muller de 50 anos en proceso de divorcio e Denís é un mozo trans de 28 anos que loita contra a precariedade laboral. Un suceso inesperado lévaos a coñecerse e este encontro transformará para sempre a súa realidade.
‘As liñas descontinuas’ é unha produción de Sétima (Silvia Fuentes, Anxos Fazáns) e Sideral (Nuria Landete, Roberto Butragueño). Conta co apoio do ICAA, AGADIC, CSAG, HBO e as Deputacións de Pontevedra e da Coruña; e está sendo distribuída en cinemas da man de Sideral.



