As liñas descontinuas, escrita e dirixida por Anxos Fazáns (A estación violenta, 2017), chega aos cinemas o venres 20 de febreiro despois de celebrar a súa premiere este xoves 19 nos Cantones cines da Coruña.
Á premiere asistirá o equipo practicamente ao completo e tamén diversas personalidades do sector e do mundo cultural como The Rapants, o actor Xoán Fórneas, De Ninghures, ou as creadores de contido María Rúa, Blondiemuser, Nuria Grandío e Sara Seco, entre outras.
Na súa primeira semana o filme está nas catro provincias galegas en cines como Cantones (A Coruña); Cines Tamberlick, Multicines Norte, Cine Yelmo (Vigo); Ponte Vella (Ourense); Cinexpo (Pontevedra); Cine Numax e Multicines Compostela (Santiago); Codex Cinema (Lugo); Duplex (Ferrol), e salas doutras localidades de España como Cines Broadway, ScreenBox Funatic, Malda, Pequeño Cine Estudio, Cinebaix, La Dehesa Ponferrada, Odeon, Multicines, Abc Elx, Abc Gandia, Abc Park ou Cines Gorbeia.
Tras a súa estrea na Sección Oficial da 29ª edición de Tallin Black Nights Festival, a película percorreu numerosos certames nacionais onde cultivou diferentes premios; no pasado Festival Internacional de Cinema de Xixón (FICX) obtivo o Premio «DAMA» ao Mellor Guion de Película Española e o Premio RAMBAL da Asociación asturiana XEGA.
A segunda longametraxe de Fazáns é un drama intimista rodado integramente en galego, protagonizado por Mara Sánchez, que regresa ao mundo actoral tras uns anos apartada; e Adam Prieto, para o que Denís supón o seu primeiro papel na interpretación. No filme, Bea é unha muller de 50 anos en proceso de divorcio e Denís é un mozo trans de 28 anos que loita contra a precariedade laboral. Un suceso inesperado lévaos a coñecerse e este encontro transformará para sempre a súa realidade.
‘As liñas descontinuas’ é unha produción de Sétima (Silvia Fuentes, Anxos Fazáns) e Sideral (Nuria Landete, Roberto Butragueño). Conta co apoio do ICAA, AGADIC, CSAG, HBO e as Deputacións de Pontevedra e da Coruña; e será distribuída en cinemas da man de Sideral.
En palabras da directora
“As liñas descontinuas é unha película sobre a tenrura, sobre a beleza que aparece cando permitimos que as persoas que nos rodean nos atravesen. Nesta película un mozo trans e unha muller de máis de 50 anos crean un espazo no que compartir os seus medos e desexos.
Imaxinei esta historia inspirada por unha noticia real lida nun xornal. Con ese punto de partida quixen imaxinar uns personaxes e un universo propio. Esta película é unha canción de amor. Un conto. Un breve encontro.
No meu cinema gústame poñer ás persoas no centro, tento falar da construción de relacións sas, da ruptura de estereotipos e de formas de vida alternativas e sostibles. Con este filme abro espazo para temas poucas veces retratados en pantalla como son o desexo, a soidade, a autoestima e a transformación persoal dunha muller de mediana idade e dun mozo trans.
Esta non é unha historia real lida nun xornal, non é a historia da miña nai, nin a do meu amante ou mellor amigo. Pero está inspirada por todos eles.”



