Home Espazo Aberto Lingua A quinta edición do LGx15, ideas para o futuro da lingua, celebrarase este sábado en Teo

A quinta edición do LGx15, ideas para o futuro da lingua, celebrarase este sábado en Teo

0
A quinta edición do LGx15, ideas para o futuro da lingua, celebrarase este sábado en Teo

O concello de Teo acollerá este sábado a quinta edición do LGx15, ideas para o futuro da lingua, que organiza dende o 2015 a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Concello de Teo. O evento desenvolverase no Auditorio Constante Lista da Ramallosa a partir das 18 horas.

Que é o LGX15?

LGx15. Ideas para o futuro da lingua é un evento que consiste en oito charlas dun máximo de 15 minutos para compilar ideas, experiencias e propostas que poidan mellorar o futuro da lingua. Todo isto presentado e amenizado por Os da Ría Íntimos, é dicir, Arturito Puy e Fabián Santomé acompañados por Suso Pián, que nos ofrecerán o seu particular humor e algúns dos seus xites máis coñecidos.

Quen vai intervir?

As persoas convidadas á quinta edición do LGx15 son: Rosa Aneiros (escritora e xornalista, que nos falará desde a súa perspectiva como nai e creadora sobre a lingua na infancia), Suso López (produtor de cine, que nos transmitirá a importancia do uso do galego na produción cinematográfica), Alba Rodríguez Carrera (traballadora e estudante, que nos desvelará a súa experiencia persoal como galegofalante concienciada), Xoana (cantante, quen tamén nos falará de concienciación lingüística desde o ámbito da creación musical), Alba Mancebo (xornalista e responsable de contidos web da CRTVG, que nos exporá as súas ideas sobre a importancia de contar historias na nosa lingua na rede), Emilio del Río (médico dermatólogo, quen define a lingua como “a nosa pel” e nos falará do seu emprego como instrumento médico), Dhaunae de Vir (especialista en transmedia, que analizará o uso da lingua nos videoxogos e noutras narrativas de interese para a mocidade) e Roberto Rivas (bombeiro e activista social, que nos trasladará a importancia de traballar colectivamente a favor da lingua).

Anímaste?

As entradas anticipadas para este evento custan 6 euros e están á venda no web do LGx15, na Tenda A Reixa de Compostela (na rúa do Hórreo, 46) e na Librería d’Ana de Teo (travesía da Ramallosa, 10). O día do evento, en caso de quedaren dispoñibles, custarán 10 euros no propio Auditorio Constante Liste (A Ramallosa, Teo).