Martiño Noriega, alcalde de Santiago, volve defender publicamente a proposta de Compostela Aberta para “relanzar” En Marea. Nunha entrevista concedida onte á Cadena SER, Noriega apuntou que o proxecto do espazo compostelán é “de sentido común”, ao tempo que lamentou que determinados sectores do partido instrumental o acusen de presentar unha proposta baseada en “perfís aristocráticos”.
Reflectir a pluralidade
Esta mañá, atendendo a unha pregunta de Nós Televisión, o líder de Compostela Aberta lembrou que tiña eludido na devandita entrevista facer alusión directa á actual dirección de En Marea, mais non agochou que o seu obxectivo é que a candidatura municipal exerza de “mediadora” dentro do espazo para “reflectir a súa pluralidade”.
A división en Ferrol
Así e todo, Noriega considera negativo que se presenten na mesma vila varias candidaturas de “unidade popular”, como podería acontecer en Ferrol, feudo de Jorge Suárez, tralo xurdimento da Marea de Ferrol.