Xosé Manuel Soutullo (Vigo, 1956), foi nomeado director xeral de Galaxia polo seu Consello de Administración o pasado outubro, tras a dimisión de Francisco Castro. Vinculado a este proxecto durante os últimos 40 anos e director da Fundación Penzol, ten ampla experiencia en coordinación de equipos editoriais.
Soutullo recibe a Nós Televisión na sede de Galaxia, en Vigo. Asume o novo cargo con responsabilidade e con ánimo, sentindo este paso como un volver á casa da que é e da que sempre foi.
Coa vista posta xa no 2025, cando Galaxia cumprirá 75 anos, o obxectivo é que sexa un ano de moita presenza da editorial na sociedade galega e para iso, aínda que falta tempo, xa están elaborando un plan ambicioso de actividades.
Defende que se perden lectores en galego porque tamén se está perdendo poboación en Galicia e considera que é responsabildiade de toda a sociedade, non só das Administracións públicas, o traballar para lograr cambiar esta realidade.
Considera que a xente nova nunca leu tanto como agora. O reto está en “como creamos contidos culturais que poidan achegarse á xente nova. Pode ser por libros e pode ser por plataformas dixitais novas”. Neste 2024, verá a luz unha nova plataforma dixital de Galaxia, avanza.