Xosé Lois García, autor destacado pola AELG neste mes de maio

Xosé Lois García, naceu en Lugo o 22 de abril de 1945 aínda que medrou na parroquia de Merlán (Chantada). Aos vinte anos pasou a vivir a Barcelona, traballando como operario metalúrxico na empresa Seat. Despedido desta empresa durante catro anos por problemas políticos e sindicais, sendo amnistiado político e readmitido en 1977.

Estudou varios cursos de socioloxía no Instituto de Ciencias Sociais e Políticas de Barcelona que, máis tarde, abandonou para ingresar na Universitat de Barcelona, onde se licenciou en Xeografía e Historia. Profesor. Foi o fundador é director do Arquivo Histórico Municipal de Sant Andreu de la Barca (Barcelona) e responsábel de Patrimonio Histórico e Cultural. Desenvolveu diferentes labores na divulgación da cultura galega en Cataluña. Articulista da prensa catalá: revista Canigó e Historia y Vida e nos xornais: Avui e Mundo Diario.

Conferenciante, articulista en varias publicacións de Galiza, España e do estranxeiro. Foi correspondente da revista portuguesa Nova Renascença. Participou nas revistas portuguesas: Quadernos do Tâmaga!, Anto e Saudade, Colóquio & Letras. Columnista semanal do xornal O Correo Galego, Galicia Hoxe, A Nosa Terra e Sermos Galiza.

Autor de diversas publicacións de historia, ensaio, teatro, literatura infantil e sobre a simboloxía románica na Ribeira Sacra.

Como poeta ten publicado trinta libros. Recoñecido na lusofonía como especialista da literatura de expresión portuguesa en África, Asia e o Brasil, destacado divulgador da lusofonía, antólogo e tradutor.

A súa obra compóñena máis de cen libros publicados sobre diversas temáticas en galego, portugués e catalán.

É membro de honor da União dos Escritores Angolanos (1997). Galardoado co Pedrón de Honra (2008). Nomeado Fillo Adoptivo e Cronista de Sant Andreu de la Barca (2009). Conta con varios premios como o de Creación Literaria do Ministerio de Cultura (1992). I premio de teatro MOME Varela Buxán de Teatro (2012). Fundador do “Centre d’Estudis Joan Falguera” de Sant Andreu de la Barca, e da “Asociación de Amigos do Románico da Comarca de Chantada”.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego