O profesor de ensino secundario e impulsor de obradoiros de igualdade dirixidos a rapaces varóns, Xosé Cabido, impartirá este 9 de abril un obradoiro onde os mozos adolescentes abordarán o imaxinario que conforma a súa identidade masculina: o audiovisual, a música, a publicidade ou a relación cos pais e amigos varóns, uns aspectos que contribúen a conformar -moitas veces, de xeito inconsciente- a identidade que Cabido nomea como “machinazi”. Só a partir de aí, é posíbel a deconstrución das masculinidades hexemónicas para conseguir homes máis felices e implicados no feminismo.
A formación está organizada polas Escolas de Ensino Galego Semente de Compostela. A proposta iniciouse cun obradoiro sobre a sexualidade na adolescencia a cargo de Ana Pérez Cardoso e Uxía Cordeiro e rematará o 30 de abril cun obradoiro sobre a sexualidade en crianzas menores de 6 anos a cargo da psicóloga Hadriana Ordóñez. A matrícula ten un custe de 30 euros por obradoiro e poden seguirse a través da plataforma https://cursos.sementecompostela.com/.