A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega nomea a Xosé Benito Reza como autor destacado para este mes de novembro. Enxeñeiro de montes de profesión ademáis de escritor, para este celanovés nado en 1956, a natureza, os montes, a biodiversidade e a protección do territorio son as súas grandes paixóns.
Xosé Benito Reza foi Director dos Parques Naturais Baixa Limia-Serra do Xurés e Invernadoiro (1995-1999) e Director Xeral de Conservación da Natureza (2005-2009) e como tal promoveu a Lei de Protección da Paisaxe de Galicia (2008) na que se declararon as primeiras paisaxes protexidas de Galicia. Na actualidade é presidente do Seminario de Estudos Celanovenses, membro da Fundación Curros Enríquez e do Grupo histórico arqueolóxico Larouco e secretario e xuíz honorario da Asociación de Amigos do Couto Mixto.
A súa primeira, e até o momento única, obra narrativa Terradentro foi merecedora do premio Antón Losada Diéguez no ano 2018.
Como ensaísta publicou diversas obras arredor da súa preocupación polos asuntos da paisaxe e da protección da natureza. En solitario, Vivir en Ancares (Consellería de Medio Ambiente, 2002-2003), O Macizo Central Ourensán (Caixa Galicia, 2009) ARNOIA. Biografía de un río y de una ribera (CHMS, 2012) e Os ríos da raia seca (CHMS, 2013). Con outros autores publicou A Ribeira Sacra (Caixanova, 2001), Galicia 2020 (Ir Indo Ed., 2001), Ribeira Sacra. Biodiversidade e Historia (Fundación Xermán Estévez, 2009) e Natureza e paisaxe do Courel no Congreso sobre Uxío Novoneyra (RAG, 2011).
A obra como investigador de Xosé Benito Reza, non se detén só na súa vocación profesional senón que tamén se ocupou de temas relacionados coa súa outra inquedanza, a defensa e a promoción da cultura, historia e lingua de Galicia. Nesa liña están as súas publicacións: Memorias do Pedal–O Camiño Portugués a Santiago (Ir Indo Ed., 1999), Celanova e o vento, con X.L. Méndez Ferrín (Ir Indo Ed., 1999) e as biografías de Manuel Curros Enríquez (Ir Indo Ed., 2001) e de Arturo Noguerol Buján (fundación Lois Peña Novo, 2003).
Levado por esa outra paixón participou tamén en distintas obras colectivas: Voz e Voto (Fundación Curros Enríquez, 1991), I Congreso Internacional: “Curros Enríquez e o seu tempo” (Consello da Cultura Galega, 2001), Un futuro para a lingua (Xunta de Galicia, 2002) Guía Literaria de Celanova (Padroado Curros Enríquez, 2007), A semente da nación soñada, Homenaxe a X.L. Méndez Ferrín (Xerais, 2008), En defensa do Poleiro. A voz dos escritores galegos en Celanova (Toxosoutos, 2010), Celso Emilio fai 100 anos (Asociación Arraianos, 2012) e Aquela Celanova (Flashback ediciones, 2014).
Xosé Benito Reza colaborou tamén en revistas como A Trabe de Ouro e Arraianos.