O escritor Xoán Costa ven de ser elixido pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), autor do mes de novembro na web da Asociación.
Nacido o 23 de febreiro de 1956, estudou Filoloxía Galego-Portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela, para logo ampliar estudos na Universidade de Lisboa. Foi profesor de Lingua e Literatura Galega no IES de Canido (Ferrol) durante os anos 1982 e 1983; profesor no IES de Elviña (A Coruña), en 1984 e no IES Menéndez Pidal desa mesma cidade desde 1985 a 2016. Desde 2001 a 2020 foi presidente da AS-PG.
Ten realizado varios estudos e artigos sobre lingua e sobre literatura galega, e ten colaborado en publicacións periódicas galegas (A Nosa Terra, Terra e Tempo). Entre 1985 e 1987 foi director da Revista Agália.
Na actualidade colabora en Sermos Galiza e en Nós Diario.