Xoan Carlos Bascuas é un dos protagonistas da convulsa historia recente do nacionalismo galego. Desde o seu posto de profesor de Traballo Social da Universidade de Santiago de Compostela, observa o devir da política galega coa experiencia e a distancia de quen xa non participa activamente no seu día a día.
Aínda que naceu en Alemaña, a súa familia retorna para o País cando el era un neno. Estuda Ciencias Políticas na Universidade Complutense de Madrid e, de volta en Santiago, decide afiliarse ao Bloque Nacionalista Galego. Durante o goberno de coalición entre socialistas e nacionalistas ocupa o cargo de Delegado da Consellería de Vivenda na Provincia da Coruña.
Após a crise que sacude o BNG en 2012 decide abandonar esta organización e impulsa a creación de Compromiso por Galicia, forza política da que foi o seu primeiro Secretario Xeral. Reunímonos con el na Faculdade de Ciencias Políticas da Universidade de Santiago de Compostela. Falamos de política, de nacionalismo e dos retos que, na súa opinión, debería afrontar Galicia nos vindeiros anos.