O avogado e analista político Xoán Antón Pérez-Lema debulla a crise que atravesa a lingua galega e sinala directamente cara ao goberno da Xunta como un dos principais responsables.
O ex-secretario xeral de Relacións Institucionais da Vicepresidencia da Xunta (2007-2009) vincula a postura do actual Executivo galego, co que é crítico, con estratexias electorais do Partido Popular a nivel estatal.
Analiza tamén a perda paulatina de perfís con vínculos co galeguismo dentro do PPdeG e sentecia que “o carácter antipático do PP é consecuencia de pechar o paso a Vox”, unha liña que identifica con persoeiros do Partido Popular de Galicia como Paula Prado e do Estado, como Miguel Tellado.
Preguntado pola presentación do Plan Xeral de Normalización Lingüística, Xoán Antón Pérez-Lema cualifícao como un “paripé” da Xunta xa que vén dado sen medidas orzamentarias, sen reformas normativas e sen mecanismos de validación. “Hai unanimidade en contra desta proposta de PXNL 2026”, sostén.
O avogado e analista tamén pon o foco na “desigualdade” lingüística atopada na propia Constitución española, que recolle a obriga de saber castelán pero non do galego, que só recibe o dereito a uso. Sostén que “sen soberanía é difícil” realizar unha normalización lingüística efectiva xa que “o galego non é unha lingua desexada nin valorada polas elites do Estado español”.



