Unha ampla programación de música, danza, teatro, cinema e literatura forman parte da XII edición do Convergências, Festival Cultural Portugal – Galiza, que se desenvolve este ano desde o 10 de febreiro e ata o 15 de marzo en Braga, Padrón, Ponteareas, A Estrada e Santiago de Compostela.
O Festival presentouse hoxe en rolda de prensa en Santiago, da man do secretario xeral da Lingua, Valentín García, e representantes da organización e da Universidade do Minho, así como o concelleiro de Ponteareas Ricardo González. O obxectivo desta nova edición: continuar afondando nas relacións entre un e outro lado no Miño, evidenciando todo o que compartimos, unha lingua viva, unha cultura en diálogo e lazos históricos.
Convergências inclúe artistas de ambos os lados da fronteira e citas culturais tamén nos dous lados, para celebrar a diversidade, a tradición e a fraternidade cultural dos nosos pobos. A música ocupa un lugar central, coa mesa redonda sobre a música de Portugal e da Galiza, que conta coa participación de Uxía, Daniel Pereira e MJ Pérez, o concerto Será por FLores – Xira 40 anos de Uxía, e os varios momentos de homenaxe a José Afonso e Rosalía de Castro, nomeadamente co Canto D’Aquí e a Orquestra Filarmónica de Braga.
Para consultar a programación completa, pode entrar aquí.



