Xerais publica o vindeiro 2 de xullo o sexto e derradeiro volume de Heartstopper, a exitosa serie de novelas gráficas de Alice Oseman, convertida nun fenómeno internacional con millóns de exemplares vendidos.
A edición en galego aparecerá simultaneamente co resto das linguas nas que se publica a serie, consolidando a aposta de Xerais por achegar referentes contemporáneos ao público xuvenil que le en galego.
Este novo volume supón o peche da etapa escolar do Nick e o Charlie e aborda un dos momentos máis decisivos da súa relación: a chegada á vida adulta. Enfrontados á incerteza da universidade e á posible distancia fı́sica, a parella terá que demostrar que o seu vínculo é capaz de resistir os cambios.
No instituto, todo o mundo coñece xa ao Nick e o Charlie, e parece evidente que o seu amor continuará. Mais a realidade complı́case: o Charlie céntrase na súa candidatura como representante do alumnado, mentres o Nick se prepara para comezar a universidade, o que o leva a preguntarse quen será el… sen o Charlie ao seu carón.
Desde a sú a publicación, Heartstopper converteuse nun referente da literatura gráfica contemporánea para público mozo, destacando pola súa capacidade de tratar con sensibilidade temas como o amor, a amizade, a saúde mental e a identidade, especialmente dentro do ámbito LGBTIQA+.
A obra de Alice Oseman foi tamén adaptada con grande éxito ao formato audiovisual, ampliando aı́nda máis o seu impacto internacional.
A chegada da serie ao catálogo de Xerais —iniciada en 2024 coa tradución ao galego realizada por Nee Barros coa colaboración de Éric Dopazo— responde ao compromiso da editorial por ofrecer historias diversas, actuais e accesibles na nosa lingua, contribuı́ndo a que as novas xeració ns poidan atopar referentes próximos e universais ao mesmo tempo.
Tal e como xa destacaba Nee Barros coa publicación dos primeiros volumes, Heartstopper representa “unha historia LGBTIQA+ sen traxedia, na que o amor, o agarimo e a diversidade ocupan un lugar central, mostrando que tamén hai espazo para relatos luminosos sobre a adolescencia”.

Coa publicación deste sexto volume, Xerais completa en galego unha das series máis influentes da narrativa gráfica recente. Heartstopper 6 ofrece unha conclusión que mantén a esencia da obra: unha historia que acompaña, emociona e conecta co lectorado desde a honestidade e a tenrura



