Xerais desvela as obras finalistas mentres o xurado se prepara para nomear as gañadoras

Os Premios Xerais 2023 desvelaranse este sábado, 17 de xuño. Nesta conta atrás para un dos eventos máis destacados da literatura galega, o xurado vén de declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas ‘Brancura’, ‘Cullinan’ e ‘O candidato da fin do mundo’. O xurado está formado por Diego A. Dacal (coordinador do club de lectura Sete vidas de Espazo Lectura), María Díaz (xornalista de Cadena Ser), Fernando Miranda (libreiro na Libraría Miranda), Tamara Novoa (xornalista de A Movida), Ánxela Vázquez Andrade (profesora e bookstagrammer @nazondebookstagram) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.

Premio Jules Verne

Por outra banda, as obras cos lemas ‘Carmiña’, ‘Néboa’ e ‘Ring’ son as finalistas da XV edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil. O xurado fórmano Laura Veiga (xornalista de Nós Diario e divulgadora en @pingando.gal), Erica García-Santamarina Caridad (AAGG), Cándido Paniagua Pousa (mestre e escritor), Adela Dios Touriñán (bookstagramer @mazadahorta), Osmar Rodríguez Pérez (libreiro na libraría Mobby Dick) e Ramón Domínguez Veiga (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.

Premio Merlín

O xurado da XXXVIII edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, formado por Cris de Caldas (filóloga, bibliotecaria e contadora), Ivana Gómez Abuín (mestra e bookstagramer @libros_e_libros), Paco Cerdeira ‘Pakolas’ (músico), Olalla Sánchez Pintos (xornalista), Xiana Teimoy (ilustradora) e Anaír Rodríguez (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar como finalistas as obras presentadas baixo os lemas ‘A botella de lentellas’, ‘De pombas, aguias e señores corvos’ e ‘Frida’. Cada un dos premios está dotado con 10.000 euros e as obras gañadoras daranse a coñecer o sábado, 17 de xuño.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego