Os Premios Xerais 2022 xa teñen data. A editorial ven de anunciar a convocatoria dos premios máis importantes do panorama editorial galego. O prazo de recepción de orixinais, que se ven de abrir o pasado 22 de decembro, pecharase o vindeiro 25 de marzo.
Os premios convocados son o Xerais de Novela, o Merlín de literatura infantil e o Jules Verne de literatura xuvenil. A composición do xurado darase a coñecer no mes de maio e os premios fallaranse no mes de xullo de 2022. Non será até novembro dese mesmo ano cando se publiquen as obras premiadas.
Edición 2021
O sábado 11 de decembro, no museo Meirande de Redondela, fallouse a edición 2021. As escritoras gañadoras foron Berta Dávila (Premio Xerais de Novela e Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil) e Ledicia Costas (Premio Merlín de Literatura Infantil).
Os premios Xerais son os galardóns literarios máis relevantes do panorama cultural galego. Ao longo destes anos recoñeceron o traballo literario de numerosos escritores e escritoras galegas. Carlos Reigosa, María Marco, Darío Xohán Cabana, Rosa Aneiros, Agustín Fernández Paz, Andrea Maceiras, Xosé Fernández Ferrreiro, Marilar Aleixandre, Carlos Negro, Ledicia Costas, Jaureguizar, Gloria Sánchez ou Diego Ameixeiras, son algúns dos nomes premiados na súa xa dilatada historia.
As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego