Os autores gañadores dos Premios Xerais 2026 recolleron os seus galardóns no Museo do Mar de Galicia, en Vigo. Xerais celebrou a súa festa anual para recoñecer as obras A boca do río, de Alberto Lema, Premio Xerais de Novela; A banda da albóndega e o segredo afundido de Areleira, de Ivana G Abuín, Premio Merlín de Literatura Infantil, e A lingua dos grifóns, de Santiago Lopo, Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil.
O acto foi inaugurado polo director de Xerais, Fran Alonso, que centrou o seu discurso no papel da edición como ferramenta para construír pensamento crítico e cidadanía. Tamén reivindicou a importancia dos libros como espazos de reflexión fronte á simplificación e a desinformación, e defendeu a bibliodiversidade como unha necesidade democrática nun contexto de crecente presión dos algoritmos e das grandes plataformas dixitais. Neste sentido, asegurou que “nun tempo dominado pola aceleración, a simplificación e a polarización, editar representa un acto de resistencia cultural”. Ademais, chamou a reforzar o valor da palabra, a protexer as linguas minorizadas e a regular a intelixencia artificial para garantir que estea ao servizo do ben común. O director de Xerais tamén destacou a responsabilidade ética da edición e a súa capacidade para promover a liberdade, a xustiza social e a riqueza cultural do país. Finalmente, lembrou a necesidade de coidar e transmitir o galego como parte esencial da identidade colectiva — “o galego non é só unha lingua: é unha forma de estar no mundo e de nomealo” — e rendeu homenaxe a figuras fundamentais da cultura galega como Xesús Alonso Montero e Xosé Manuel Beiras.
A xornalista Susana Pedreira foi a encargada de conducir o acto e conversou cos tres autores premiados sobre as súas obras. A continuación, entregáronse os tres galardóns.
Santiago Lopo recolleu o XVIII Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil pola novela A lingua dos grifóns, unha obra que reflexiona sobre a importancia das linguas e como estas constrúen o mundo en que vivimos. Neste sentido, a obra constitúe unha rebelión contra a extinción das linguas e o propio Santiago Lopo puxo o foco no caso do galego. “Creo que a mocidade ten grandes valores: posúen un alto concepto da lealdade, apaixónanse rapidamente, queren cambiar o mundo, non teñen medo, loitan contra as inxustizas… Moitos destes valores están presentes n’A lingua dos grifóns, pero, na novela, para cumprir a misión e salvar o seu mundo, os protagonistas necesitarán, ademais, a maxia da lingua antiga”, explicou.
Ivana G. Abuín recolleu o XLI Premio Merlín de Literatura Infantil por A banda da Albóndega e o segredo afundido de Areleira. “Esta historia está escrita desde a nena que aínda son. Esa que segue perseguindo misterios. Nace do agarimo polo patrimonio cotián, polas historias que pasan de xeración en xeración e da forza de facer as cousas en compañía. Pero nace, sobre todo, da necesidade de aventuras. Oxalá esa curiosidade nos acompañe sempre”, explicou a autora. A novela é unha homenaxe ás historias de aventuras e misterio.
Pola súa banda, Alberto Lema recibiu o XLIII Premio Xerais de Novela pola obra A boca do río. “Esta novela é un acto de recuperación da memoria dos vencidos. Daqueles que resistiron, coas armas na man, a nova orde de cousas xurdida tras o terror de 1936. É dicir, a loita heroica da guerrilla antifranquista”, explicou o autor. Alberto Lema recordou tamén os veciños que perderon a súa aldea e as súas terras pola construción do encoro e sinalou as elites económicas que naquel momento se estableceron en Galicia e que, “coa retórica do progreso enmascararon a súa vontade de lucro individual”.
Ademais, quixo deixar claro que esta non é unha novela sobre o pasado, senón que ten unha fonda relación co presente. “A estrutura macroeconómica deseñada polos tecnócratas segue rexendo a economía española. Un ben común, o vento, como onte a auga, segue séndolle expropiado ao pobo galego para entregarllo ao oligopolio enerxético”. O autor dedicou o premio á memoria dos que loitaron e ao seu mestre Xosé Manuel Beiras Torrado, de quen empregou unha cita: “Eu estimo que o atraso económico da Galiza segue sendo un feito, como é un feito o seu espolio”.
A nota musical púxoa Gabi Reboredo, que ofreceu dúas pezas ao rematar a entrega dos premios.

Os xurados
Un dos elementos definitorios dos Premios Xerais é a composición do xurado. As persoas que escollen cada ano as obras gañadoras son lectoras e lectores que non teñen relación profesional co ámbito editorial: profesorado, membros de clubs de lectura, libreiras, persoas que crean contido sobre libros en redes, xornalistas…
O xurado da XLIII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e ao que concorreron 50 obras, estivo formado por: Luis Losada Rodríguez (mestre xubilado, mantén o podcast Palabras voadoras), Ruth Oliveira Martínez (correctora editorial e bookstagramer en @rutholiveira), Laura Montes (profesora de Lingua Galega e Literatura), Andrea Quintáns Rey (libreira na Librería Libraida de Gondomar), Helena Miguélez Carballeira (catedrática Emérita da Bangor University, experta en Estudos Galegos) e Xosé Manuel Moo, secretario do xurado, en representación de Edicións Xerais de Galicia, con voz e sen voto.
O xurado da XLI edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e ao que concorreron 36 obras, estivo formado por: Lucía Barrios (ilustradora), Beatriz Quintela Fernández (mestra de Educación Primaria e coordinadora da biblioteca e do programa Lectura e familias do CEIP Plurilingüe Santiago de Oliveira), Ana Arias Castro (profesora de Ensino Secundario e bookstagramer en @nadamellorcaler), Leonardo Ezequiel Casado (xestor cultural e libreiro na Libraría Galgo Azul), Aida Espada (mestra de Educación Primaria e membro da asociación Espazo Lectura) e Anaír Rodríguez, secretaria do xurado, en representación de Edicións Xerais de Galicia, con voz e sen voto.
O xurado da XVIII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e ao que concorreron 27 obras, estivo formado por: Miguel Calvo Marques (escritor e orientador educativo no Equipo de orientación específico de Pontevedra, especialidade trastornos de conduta), Silvia Veiga Cidrás (bookstagrammer @meslivresettoi), Valeria Gutiérrez Caneda (estudante e escritora), Senén Costas Sánchez (profesor de Ensino Secundario), Juan Pablo Rodríguez Santiago (libreiro na libraría Galgo Azul) e Ramón Domínguez, secretario do xurado en representación de Edicións Xerais de Galicia, con voz e sen voto.



