Xerais publica dous libros de homenaxe a Begoña Caamaño

Chegan xa ás librarías dous títulos publicados por Xerais arredor da autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2026. Begoña Caamaño foi unha escritora excepcional que fixo da palabra un acto de rebeldía e sororidade. Deste xeito, Beatriz Maceda e Eva Mejuto son as autoras dos dous volumes cos que a recordaremos. En primeiro lugar, Xerais lanzará unha biografía sinxela e accesible para todas as idades, que formará parte da colección Merlín co título Begoña ou o pracer da amizade. Por outra parte, Eva Mejuto asina xunto á ilustradora Nuria Díaz un álbum ilustrado de 40 páxinas que repasa de maneira accesible a traxectoria como xornalista, escritora, e tamén como activista, de Begoña Caamaño. Ambos libros estarán nas librarías dende o xoves 15 de xaneiro.

Begoña ou o pracer da amizade, de Beatriz Maceda
Nesta biografía novelada, catro voces míticas -Circe, Penélope, Morgana e Xenebrareúnense para narrar a vida desta autora fundamental, desde a súa infancia en Vigo ata o seu papel clave na cultura galega contemporánea. Xornalista, activista e escritora, Begoña Caamaño loitou pola igualdade, a dignidade e a liberdade nunha Galicia en transformación, tecendo redes de amizade e compromiso. Un relato apaixonante que nos convida a descubrir a forza da amizade, a importancia da memoria e o poder das mulleres que, como Begoña, lles devolveron a voz ás esquecidas.

Os fíos de Begoña, de Eva Mejuto ilustrado por Nuria Díaz
A vida de Begoña Caamaño foi un fío extraordinario que se pode seguir nas páxinas desta biografía ilustrada. Desde a súa infancia inventando xogos ata converterse nunha das voces máis importantes da radio, do activismo e da literatura galega, Begoña loitou sempre pola xustiza, polo galego e pola igualdade, tecendo redes de amizade e escribindo. Nas súas obras, deulles voz e puxo no centro a
mulleres que a literatura deixara nun segundo plano. O fío de Begoña rompeu cedo de máis, pero os fíos da memoria permanecen e manteñen vivo o legado dunha figura clave na cultura galega contemporánea.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego