‘Irmás na Fala’, unha serie documental sobre as mulleres das Irmandades

As mulleres das Irmandades da Fala contan cunha serie documental, ‘Irmás na Fala‘, un traballo audiovisual realizado por Nós Televisión coa produción da Real Academia Galega e o apoio económico do Concello da Coruña. A serie aborda en catro capítulos a historia das irmandiñas que desde 1916 pularon pola lingua e cultura galega. Agora xa podes ver de seguido os catro capítulos.

1 – Micaela Chao, galeguistas organizadas

O 18 de maio de 1916 celebrouse no local que daquela ocupaba a Real Academia Galega, na rúa Rego da Auga da Coruña, a primeira xuntanza das Irmandades da Fala. Nacía así un movemento chave que abriría un novo tempo para a defensa da lingua galega e de Galiza como suxeito político, formado por agrupacións locais espalladas por todo o país que chegaron a ter unhas 700 persoas afiliadas. As escasas fotos dos seus encontros amosan practicamente só facianas masculinas, e naquela xuntanza fundacional participou unha única muller, Micaela Chao Maciñeira. Neste primeiro capítulo da serie Irmás na Fala abordamos a vida de Micaela Chao, impulsora da Sección Feminina das Irmandades da Fala e de como a súa morte sendo moi nova marca o devir das irmandiñas.

2 – Elvira Bao e María Miramontes, militantes do galego

Entramos nas Escolas de Ensino Galego Semente na Coruña onde as crianzas se achegan á figura de María Miramontes quen hai 100 anos impulsaba as Escolas de Insiño Galego xunto co seu compañeiro de soños e vida, Ánxel Casal. Estas escolas, pioneiras na normalización da nosa lingua no ensino, ían ter como profesora das nenas á mestra e militante Elvira Bao, considerada unha das primeiras arengadoras galeguistas. Neste segundo capítulo de Irmás da Fala abordamos a militancia das Irmás na Fala arredor da cultura e lingua galegas a través de douss nomes propios: Elvira Bao e María Miramontes.

3 – Amparo López Jean e Emilia Docet, políticas e arengadoras

A irmandiña Amparo López Jean, a primeira muller en afiliarse ao Partido Galeguista na Coruña, convértese nun bastión da II República. Como secretaria xeral do Grupo Feminino Galeguista, axudou a fuxir aos galegos tras o golpe de Estado. Emilia Docet, nomeada Miss España en 1933, aproveita a súa proxección pública para difundir as ideas galeguistas e instar á aprobación do Estatuto de Autonomía. “A maior alegría da miña vida será o día no que á nosa terra se lle conceda o seu Estatuto”, falaba Docet que tamén interveu no Mitin das Arengas o 24 de xullo de 1934. Para achegármonos a ela, entramos no teatro para ver sobre o escenario a obra ‘Miss Docet’ da man da actriz e dramaturga Iria Pinheiro.

4 – O legado das Irmás da Fala

O compromiso de Micaela Chao, Elvira Bao, María Miramontes, Amparo López Jean e Emilia Docet segue en vivo en nós. A recuperación da xenealoxía feminina e galeguista resulta indispensábel dentro do marco da restauración da memoria democrática. Neste capítulo abordamos como (re)construímos a nosa historia logo do golpe de 1936.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego