A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) abre o prazo de presentación de candidaturas de cara a oitava edición dos Premios Mil Primaveras cos que buscan recoñecer accións, campañas, proxectos e programas que teñen como finalidade promover o uso e o prestixio da lingua. Esta iniciativa ten tamén como obxectivo compilar e difundir proxectos de normalización lingüística que poidan servir como modelos e transmitir unha imaxe positiva do traballo de promoción do uso e prestixio da lingua.
Premios Mil Primaveras: recoñecemento do labor técnico de normalización lingüística
Os premios recoñecerán accións, programas, campañas, proxectos etc. que teñan como principal obxectivo a promoción do uso e do prestixio da lingua galega. Nesta oitava edición as candidaturas deben ter vixencia en 2023, 2024, 2025 ou 2026.
Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica. Con eles procúrase difundir as accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado, a través dun acto público de entrega e coa publicación dos proxectos seleccionados no web www.milprimaveras.gal, tal e como están agora os 36 proxectos elixidos nas sete edicións anteriores. Esta compilación de accións de normalización lingüística busca tamén ser unha mostra de modelos de traballo que axuden a emprender novas campañas.
Participación, inscricións e prazo
A participación nos premios é voluntaria e os programas de normalización lingüística candidatos deben ser presentados polas entidades ou persoas que os desenvolveron. Só elas poden describir de forma detallada os aspectos técnicos da súa planificación, xestión, execución e avaliación.
Todas as candidaturas teñen que ser de proxectos xa desenvolvidos. Non se valorarán propostas de accións pendentes de executar nin se premiarán traxectorias de entidades, senón programas concretos executados. Tampouco se poden presentar aos VIII Premios Mil Primaveras (2026) os proxectos recoñecidos nas sete edicións anteriores.
A inscrición faise a través dun formulario dispoñible en www.milprimaveras.gal. Os proxectos deben presentarse por separado e non hai límite no número de candidaturas que pode rexistrar cada entidade ou persoa.
O prazo para inscribir proxectos estará aberto do 2 de novembro de 2026 ao 31 de xaneiro de 2027.
Xurado e criterios de valoración
Nomearase un xurado que avaliará as candidaturas presentadas e escollerá as premiadas de acordo coas bases. Estará formado por técnicos/as de normalización lingüística, responsables de equipos de normalización e dinamización lingüística e persoas que teñan experiencia en planificación lingüística, intervención social ou comunicación.
Edicións anteriores dos Premios Mil Primaveras
Na primeira edición recoñecéronse seis proxectos de normalización lingüística: Modelo Burela (IES Perdouro), Falemos de ti e min (IES de Soutomaior), Desafío 48 h (IES María Casares de Oleiros), Proxecto Youtubeir@s (13 concellos, a Deputación da Coruña e as tres universidades), Eu presumo de galego (IES de Melide) e GCiencia.
Na segunda edición premiáronse sete novos proxectos: Regueifesta e Enreguéifate (concellos de Ames, Pontevedra, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo e promotores da Regueifesta), GaleguizaT, DígochoEu (CRTVG), Plan de desconfinamento progresivo da lingua galega (IES Eduardo Blanco Amor de Culleredo), Projeto Educativo Semente, Galegoempresas (concellos de Santiago de Compostela, Ames e Teo) e O galego, a miña lingua propia (Deputación Provincial da Coruña).
Na terceira edición recoñecéronse outros sete proxectos: Do berce á rúa (SNL do Concello de Narón), CantáMOLA en galego (SNL do Concello de Pontevedra), as iniciativas Twitter en galego e Instagram en galego, Somos xogo (Xandobela. Educación e Cultura), Dicionario galego para boomers (IES Leiras Pulpeiro de Lugo) e Media Laranxa.
Na edición convocada en 2022 recoñecéronse catro novos proxectos: Asociación Faladoiros Vigo, Caranvexo TV (SNL do Concello de Moaña), Laboratorio de Apoderamento Lingüístico (Rexenerando, S. Coop. Galega) e Na Utopía.
Na quinta edición premiáronse os seguintes proxectos: Aquí tamén se fala (IES Rafael Dieste, A Coruña), CeibaRimas (Merenda Creativa), Elos. Engánchate ao galego! (Concello de Santiago de Compostela) e Recuncho Gamer.
Na sexta edición recoñecéronse os seguintes proxectos: Brazolinda, Galego para peques, Modo galego. Actívao! (Real Academia Galega e Concello de Ames) e Vitamina G (CEIP Sagrada Familia, A Coruña).
Na última edición premiáronse os seguintes proxectos: As chaves da lingua, Comando Le: grupo de activismo cultural de Espazo Lectura, O Dépor é da Coruña (IES Rafael Dieste da Coruña) e Revolta Galega (CPI As Revoltas de Cabana de Bergantiños).
Estes trinta e seis proxectos pódense consultar en detalle no web dos premios.
Os VIII Premios Mil Primaveras (2026) promóveos e organízaos a CTNL coa colaboración económica da Deputación Provincial de Pontevedra.



