As mulleres das Irmandades da Fala contan xa cunha serie documental. Trátase de ‘Irmás na Fala’, un traballo audiovisual realizado por Nós Televisión coa produción da Real Academia Galega e o apoio económico do Concello da Coruña. A serie aborda en catro capítulos a historia das arredor de 200 irmandiñas que desde 1916 pularon pola lingua e cultura galega.
O primeiro capítulo
O 18 de maio de 1916 celebrouse no local que daquela ocupaba a Real Academia Galega, na rúa Rego da Auga da Coruña, a primeira xuntanza das Irmandades da Fala. Nacía así un movemento chave que abriría un novo tempo para a defensa da lingua galega e de Galiza como suxeito político, formado por agrupacións locais espalladas por todo o país que chegaron a ter unhas 700 persoas afiliadas. As escasas fotos dos seus encontros amosan practicamente só facianas masculinas, e naquela xuntanza fundacional participou unha única muller, Micaela Chao Maciñeira.
No primeiro capítulo da serie Irmás na Fala abordamos a vida de Micaela Chao, impulsora da Sección Feminina das Irmandades da Fala e de como a súa morte sendo moi nova marca o devir das irmandiñas.
Unha serie documental
Irmás na Fala é unha serie de 4 capítulos, realizada por Nós Televisión e producida pola Real Academia Galega co apoio do Concello da Coruña. A narración da serie enlíñase a través das biografías de cinco figuras destacadas do movemento: Micaela Chao Maciñeira, a “irmá pioneira”; a modista María Miramontes, mecenas de proxectos coma as Escolas de Insiño Galego; a mestra Elvira Bao, seguramente a primeira irmá que pronunciou mitins; Amparo López Jeán, presidenta da Agrupación Republicana Feminina da Coruña e primeira afiliada do Partido Galeguista nesta cidade; e a nadadora Emilia Docet, a chamada Miss España galeguista, participante no Mitin das Arengas da praza da Quintana canda figuras coma Castelao ou Otero Pedrayo.
A serie conta coa participación da historiadora Encarna Otero, o historiador Xosé Alfeirán, as académicas correspondentes Ana Romero Masiá e Goretti Sanmartín; a presidenta da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, María Xosé Bravo; os filólogos Emilio Xosé Ínsua e Dolores Vilavedra; o deseñador Pepe Barro; a actriz Iria Pinheiro Santos, creadora da obra Miss Docet; e Felipe Ruíz de Miguel, sobriño neto de María Miramontes e o seu home, o editor de Nós e rexedor republicano de Santiago de Compostela Ánxel Casal.