A CTNL acaba de publicar en YouTube as intervencións da oitava edición do LGx15. Ideas para o futuro da lingua, que tivo lugar o 27 de outubro de 2022 na Sala Capitol, en Compostela. Son oito intervencións que compilan experiencias e propostas que poden mellorar o futuro da lingua:
– Elsa Quintas Alborés, avogada e vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística, abordou na súa intervención os dereitos que temos como galegofalantes, que ás veces non exercemos, a e súa experiencia no exercicio da avogacía na nosa lingua. Animou a empregar o galego mesmo cando nolo impidan, para reforzar e aumentar os nosos dereitos.
– Guido Álvarez Parga, turismólogo, guía e docente, relatou a súa relación vital coa lingua galega e o seu uso no ámbito do turismo, onde recibe boas críticas precisamente por empregala con regularidade. Á viaxeiras e viaxeiros gústalles coñecer o noso territorio a través do noso idioma.
– Pradorua e Fabiana Ambroa Ibarruri, parella lingüística do programa Elos (Departamento de Lingua do Concello de Santiago de Compostela), mostraron sobre o escenario da Sala Capitol as potencialidades deste proxecto, que permite que persoas non galegas se integren e aprendan a nosa lingua coa axuda de galegofalantes. Unha experiencia digna de coñecer e reproducir.
– Pedro González Boquete, director executivo de Leite Noso, falounos da importancia que ten a lingua na responsabilidade social corporativa da marca Deleite, que se demostra na etiquetaxe, na comunicación e no apoio ao sector cultural galego.
– Fátima Barros, estudante de medicina e divulgadora, prescribiu a necesidade de comunicar ciencia en galego a través das redes sociais para compensar as dificultades á hora de introducir contido científico en galego no ámbito educativo.
– Isaac González, enxeñeiro e docente, botou man das ensinanzas da intelixencia artificial para propor tres estratexias que debemos levar a cabo no presente para mellorar o futuro do idioma: máis exposición a contidos en galego, aproveitar as oportunidades do portugués e non desprezar a necesidade de coñecer a lingua global.
– Beatriz Busto Miramontes, antropóloga e pedagoga musical, analizou a representación dos galegos e da nosa lingua a través do NO-DO. Proponnos sermos conscientes desa imaxe folclorizada e traballarmos para superala e construír outra idea do que somos, libre de prexuízos.
– Olalla Maneiro, de Tanxugueiras, describiu con orgullo a sorte de ter o galego durante toda a súa vida como lingua de relación, aprendizaxe, xogo… Un superpoder, como ela describe a lingua, que nos identifica e nos fai estar no mundo.