A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) convoca os IV Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística.
Con estes galardóns, a CTNL busca un ano máis difundir o labor ilusionante e necesario de promoción da lingua que desenvolven servizos de normalización lingüística, equipos de normalización e dinamización da lingua, asociacións e outras entidades públicas e privadas ou particulares. Tamén queren valorar e espallar o bo traballo que se fai no campo da normalización lingüística ademais de compilar accións, proxectos, programas ou campañas que poidan servir como modelos ou ser inspiradoras para seguir traballando a prol da lingua. Outro dos obxectivos destes premios é a propia transmisión dunha imaxe positiva do labor de promoción do uso e prestixio da lingua e promover que sexa unha tarefa mellor coñecida, comprendida e apreciada socialmente.
En que consisten os Premios Mil Primaveras?
Os premios recoñecerán accións, programas, campañas, proxectos etc. que teñan como obxectivo a promoción do uso e do prestixio da lingua galega. Nesta cuarta edición poderán ser candidatos os proxectos que tivesen vixencia, total ou parcialmente, en 2019, 2020, 2021 ou 2022.
Nesta edición desaparecen as categorías en que se clasificaron os premios nas tres edicións anteriores e recoñecerase un máximo de catro accións, campañas, programas ou proxectos, sen establecer ningunha xerarquía entre os premios que se outorguen.
Por outra parte, aumenta o número de anos de vixencia dos proxectos candidatos, pois poden presentarse proxectos desenvolvidos total ou parcialmente nos últimos catro anos: 2019, 2020, 2021 ou 2022.
Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica. Con eles procúrase o recoñecemento e a ampla difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado. A inscrición faise a través dun formulario dispoñible en www.milprimaveras.gal. Os proxectos deben presentarse por separado sen que haxa límite no número de candidaturas que se poden rexistrar. O prazo para inscribir proxectos estará aberto do 21 de setembro de 2022 ao 31 de xaneiro de 2023.