Xotas, muiñeiras, valses e pasodobres. Sexan soltos, ou sexan agarrados, Ailá chega para sacar punto e facer bailar. O grupo, composto por Xan Pampín, Ángela Carou, Manuele Pardo e Abel Gañete, lanza hoxe, 26 de abril, o seu primeiro traballo discográfico: Ailá. O álbum, que conta cun avance de sete cortes nas plataformas dixitais Youtube, Spotify, Deezer e Amazon, pódese adquirir na tenda Trisquel Artesanía, de Santiago de Compostela.
A banda compostelá, fraguada nas noites de foliada na Casa das Crechas e representante de Galicia no Festival Celtic Connection 2020, publica nesta primavera un álbum que propón achegar ao público unha óptica moderna da tradición oral galega acompañada de sonoridades festivas e actuais: “Queremos espallar e compartir a enerxía universal tan propia do canto e do baile tradicional de Galicia, a súa esencia máis fonda, a súa alegría”, expón o grupo.
Nos próximos días, a equipa de Nós Televisión traeravos máis información sobre este novo grupo da escena musical galega.