O primeiro Premio Nobel africano e unha das voces máis singulares da poesía galega únense en Poetas Di(n)versos. Wole Soyinka, figura histórica da literatura mundial, e Lupe Gómez, poeta de culto en lingua galega, protagonizan o recital do 26 de xaneiro no Ágora, nun encontro irrepetible entre dous continentes.
O concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro, salientou que “a cidade da Coruña ten a sorte de acoller un encontro literario histórico” e engadiu que “a presenza dun Premio Nobel africano e dunha das autoras máis recoñecidas da nosa literatura reafirma o valor de Poetas Di(n)versos como plataforma cultural de primeiro nivel”. Castro destacou tamén que “este ciclo demostra, edición tras edición, que a poesía pode ser un espazo de diálogo entre continentes, xeracións e linguas, aberto a toda a cidadanía”. Pola súa parte, a directora do ciclo, Yolanda Castaño, subliñou que “en 17 anos de Poetas Di(n)versos é a primeira vez que acode un Premio Nobel africano e moi probablemente tampouco se repita” e engadiu que “Soyinka anunciou a súa retirada inminente, polo que esta será seguramente a súa última aparición pública en Europa”.
Poetas Di(n)versos mantén o seu formato habitual, con recitais mensuais entre outubro e
xuño nos que dialogan unha voz galega e outra internacional. O ciclo é hoxe unha referencia consolidada na programación literaria do país e desvela a súa programación
trimestre a trimestre.
Wole Soyinka (Nixeria, 1934) foi o primeiro africano en recibir o Premio Nobel de Literatura, en 1986. Poeta, dramaturgo, narrador e ensaísta, publicou máis de corenta obras e recibiu recoñecementos académicos e culturais de ámbito mundial. A súa obra abrangue títulos como O león e a xoia, A morte e o cabaleiro do rei, Idanre, A terra de Mandela e outros poemas ou Cánticos para unha pira anunciada (2024), estreado en Abu Dabi e Ibadán. Actualmente imparte docencia na Universidade de Nova York en Abu Dabi e mantén unha intensa actividade intelectual e cívica.
Lupe Gómez (Fisteus, Curtis, 1972) é poeta, narradora e xornalista. Licenciada en Ciencias da Comunicación, é autora dunha obra ampla e diversa, traducida a varias linguas e distinguida con premios como o Miguel González Garcés, o da Crítica Española, o Rosalía de Castro ou o Carlos Oroza. Entre os seus títulos máis recentes figuran Herbario da noite pecha (2024) e A pintora. Caixóns de auga malva (2025). O seu estilo, profundamente persoal e comprometido coa identidade e a memoria, converteuna nunha das voces máis recoñecidas da literatura galega actual.
A sesión de xaneiro dará comezo á programación do primeiro trimestre do ano, que incluirá tamén os recitais previstos para febreiro e marzo. Como é habitual no ciclo, cada cita reúne unha voz galega e unha internacional, consolidando este espazo como unha das principais plataformas poéticas da Península. As próximas datas serán o luns 16 de febreiro co arxentino Leopoldo “Teuco” Castilla e a galega Carmen Villar nun recital sobre a emigración e a permanencia e o vindeiro luns 23 de marzo co colombiano Rómulo Bustos e Xoán Carlos Rodríguez, nun encontro marcado pola poesía como pensamento crítico e uso da ironía.
O ciclo, impulsado polo Concello da Coruña, conta coa dirección literaria de Yolanda Castaño e mantén a súa sede habitual no Auditorio do Centro Ágora, consolidándose como un espazo estable, accesible e de prestixio para o encontro coa poesía. A entrada aos recitais é libre ata completar aforo.



