O videopodcast O Vagón, producido e realizado por Nós Televisión, e presentado polo xornalista Luís Pardo, está a piques de regresar. O próximo mércores, 17 de xuño, estréase a 2ª temporada do programa, despois do éxito de difusión que tivo a primeira tempada lanzada no outono e inverno pasados.
Para esta nova tempada, o Vagón promete volver sorprender cun videopodcast cheo de entretemento, compromiso e confesións de persoas que son referentes da cultura e da sociedade galega. Ademais, sairemos á rúa coa influencer Nuria Grandío (@konachadas) para recoller preguntas para as convidadas de cada programa.
Samuel González e Xanma Louro, almas do grupo The Rapants, serán os encargados de inaugurar esta nova tempada do Vagón, subindo ao tren que está instalado na Estación do Concello de Vedra, para falar con Luís Pardo con moita sinceridade, humor e reflexións sobre a súa traxectoria, os seus concertos, a lingua, as súas aventuras e moito máis.
Outro capítulo que se estreará este verán será o protagonizado polo actor e fundador da compañía de teatro Chévere, Miguel de Lira, quen repasará con Luís Pardo os seus inicios no mundo dos escenarios, as súas aprendizaxes na infancia e mocidade, toda a traxectoria deste grupo Premio Nacional de Teatro, os seus estudos de Dereito, a súa visión sobre os problemas que temos hoxe en Galicia e moito máis.
A 2ª temporada do Vagón está patrocinada polas marcas Deleite e Mariñeiras Daveiga.



