Volve o Enreguéifate aos centros de ensino co lema ‘Temos madeira regueifeira!’

“Temos madeira regueifeira!”. Con este lema, o Enreguéifate volve, un ano máis, co obxectivo de promover a improvisación oral de xéneros galegos como a regueifa, para contribuír así á promoción do uso da lingua galega. Para iso, dende o pasado mes outubro e ata febreiro, no marco do certame levaranse a cabo máis de 80 obradoiros de improvisación
oral destinados ao alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria e da ESO dunha trintena de centros educativos dos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo.

Formación

Lupe Blanco, Josinho da Teixeira e Nuria das Cruces son este ano as persoas encargadas de impartir as accións formativas, organizadas polos servizos de normalización lingüística dos cinco concellos impulsores da iniciativa. O obxectivo destes obradoiros é tamén animar as e os escolares a participar na sétima edición do certame de regueifas en vídeo. O prazo de participación estará aberto do 12 de xaneiro ao 1 de marzo de 2024. As persoas interesadas en participar deberán enviar o seu vídeo no que aparezan, como mínimo, dúas persoas regueifando en galego e cunha duración máxima de 3 minutos.

A gala de entrega dos galardóns celebrarase o mércores, 3 de abril de 2024 no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Regueifa Freestyle

Se queres ir quentando motores, Nós Televisión dispón na súa canle de youtube de dous programas formativos arredor da regueifa. Neles abórdase a historia da regueifa, coméntanse coplas, apréndese a regueifar e intercámbianse experiencias arredor da improvisación oral galega. Todo un espectáculo didáctivo para a xente nova… e non tan nova.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego