Volve o ‘Cabos Soltos’ a Pontevedra para visibilizar a cultura de base

O programa municipal ‘Cabos Soltos‘, dirixido a promover a cultura emerxente de Pontevedra e fortalecer o tecido económico local, volve a Pontevedra os vindeiros 28 e 29 de abril celebrando as terceiras xornadas técnicas e dúas xornadas de música e creatividade nos locais, cafeterías, salas e nos espazos públicos da cidade.

O programa foi presentado pola concelleira pontevedresa Anabel Gulías, xunto con Marcos Rivas, da Sala Karma, e Patricia Hermida, coordinadora da xornada técnica. A equipa organizadora explicou que nun contexto no que oferta de lecer vai encamiñada aos grandes eventos, o concello de Pontevedra ve preciso esforzarse por garantir que as pequenas salas e estabelecementos poidan seguir programando.

Deste xeito, esta iniciativa xurdiu no ano 2019 como unha resposta local ás restricións que causaba a nova Lei de Espectáculos Públicos de Galicia, creando unha fórmula na que o propio Concello actuase como organizador dos eventos nos locais de hostalaría e ao mesmo tempo visibilizar a cultura de base, e a creación emerxente así como fortalecer o tecido económico local a través tamén da hostaleira.

As actividades levaranse a cabo os vindeiros días 28 e 29 de abril. Haberá case un cento de artistas espallando as actividades en máis de 30 locais hostaleiros da cidade. Ademais, desenvolverán as III Xornadas sobre a Industria da Música, coordinadas por Patricia Hermida, profesional que ostenta a presidencia da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM). As xornadas formativas celebraranse o día 28 de abril na Casa das Campás. Consulta todo o programa aquí.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego