A sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras (G-Night) volve no serán do vindeiro 25 de setembro cun programa de máis de 150 actividades gratuítas de divulgación científica nas sete principais cidades de Galicia. Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo serán os escenarios de decenas de actividades que teñen o obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Así, miles de persoas, como as máis de 10.000 que se deron cita na pasada edición, poderán achegarse de xeito lúdico ao mundo da investigación a través de experimentos e demostracións que transformarán as rúas en laboratorios ao aire libre, dos que formarán parte máis de 500 investigadoras e investigadores de toda a comunidade autónoma.
Diversidade de escenarios
O mapa da G-Night estará composto de espazos como o claustro do Colexio de Fonseca, en Santiago de Compostela; a dársena da Mariña, na Coruña; o mercado municipal e a praza de abastos de Lugo ou o edificio Redeiras en Vigo, ademais de bares, prazas, parques, museos, centros de investigación e outros espazos públicos das cidades galegas.
A diversidade de escenarios permitirá achegar a ciencia a públicos moi diferentes e converter distintos recunchos das cidades en lugares de encontro coa investigación. Expo-feiras científicas, roteiros, obradoiros, paseos en barco, xornadas de portas abertas ou actividades en centros escolares son algunhas das propostas desta sexta edición da G-Night para achegarse á investigación e á ciencia en primeira persoa. A programación abrangue todas as ramas do saber e invita a ver, tocar, experimentar e descubrir, con actividades adaptadas a públicos de todas as idades.
A G-Night é unha iniciativa galega orientada a achegar a ciencia á sociedade que naceu ao abeiro da European Researchers’ Night, un evento da Unión Europea que se celebra en máis de 460 cidades de xeito simultáneo o último venres de setembro. A Universidade de Vigo coordina a G-Night 2026, na que participan, ademais das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, os institutos do CSIC —IEGPS, IEO, IIM, Incipit e MBG—, os centros oceanográficos de Vigo e A Coruña do Instituto Español de Oceanografía, así como outros centros e organismos de investigación galegos, entre eles o CESGA, CITMAga, ECOBAS, FCEER, IDIS, IISGS e INIBIC.
A G-Night celébrase grazas ao compromiso das entidades organizadoras e finánciase cos recursos propios dos preto de 20 organismos que forman o consorcio. Ademais, o evento conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da GAIN (Axencia Galega de Innovación), dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional; e coa colaboración da Real Sociedad Española de Química, ademais doutras achegas a nivel local.
Vigo: tres actividades para todos os públicos
En Vigo, o edificio Redeiras e a praza do Berbés converteranse entre as 17:00 e as 21:00 horas en grandes espazos de experimentación científica. O programa permitirá achegarse a ámbitos tan diversos como a investigación contra o cancro, a bioloxía, a química, as matemáticas, a enxeñaría, a intelixencia artificial, a robótica, a aeronáutica, a exploración espacial ou a alimentación funcional.
As máis cativas e cativos terán tamén o seu espazo cun teatriño de títeres sobre o papel das nenas e das mulleres na ciencia, acompañado dun obradoiro de microscopía e acuicultura. O público poderá tamén coñecer de preto aeronaves e foguetes deseñados polo alumnado de UVigo Aerotech, o monopraza de UVigo Motorsport ou prototipos de satélites e robots destinados á exploración de covas lunares.
Á programación da feira científica súmanse outras actividades, como a charla “Novos retos en cancro” na Biblioteca Xosé Neira Vilas coa investigadora principal do grupo CellCOM do CINBIO-UVigo, María D. Mayán Santos. Ademais, o público poderá participar nun paseo en barco a bordo do Inndaga, do CIM-UVigo, para coñecer o fondo mariño da ría de Vigo. Esta actividade, así como algunhas das propostas e obradoiros da programación, require inscrición previa e conta con prazas limitadas, polo que a organización recomenda consultar a web gnight.gal, onde se pode reservar praza e acceder á programación completa.
A celebración da G-Night en Vigo conta coa colaboración do Concello de Vigo e coa achega do Consello Social da Universidade de Vigo.
Ourense e Pontevedra: roteiros científicos e “Ciencia no Bar”
En Ourense, o bar CERES 1894 acollerá ás 18:30 horas dúas actividades dirixidas ao público xeral maior de 16 anos. O grupo GETS-IT propoñerá analizar as campañas institucionais contra a violencia machista para identificar estereotipos sexistas, procesos de culpabilización ou revitimización e reflexionar sobre a maneira en que se representa este tipo de violencia. Pola súa banda, o grupo CIES-UVigo abordará os retos e oportunidades da formación dual universitaria, explicando as súas características, a súa expansión e algúns dos dilemas relacionados coa súa implantación no ámbito universitario.
En Pontevedra, o ciclo “Ciencia no Bar” transcorrerá na Taberna Nasa a partir das 18:30 horas, onde a cidadanía poderá gozar dun refresco mentres participa en dúas actividades de divulgación: “O teu municipio di que é sostible. Podemos crelo?”, do Post-growth Innovation Lab, e “A conduta suicida na mocidade galega: datos e retos”, do grupo GETS-IT.
Por último, entre as 17.00 e as 19.00 h haberá un roteiro polas pegadas de Federico García Lorca en Pontevedra, con saída desde o Edificio Castelao do Museo de Pontevedra. O percorrido, organizado en colaboración co Colectivo Xurelo, permitirá coñecer diferentes lugares relacionados coas visitas do escritor á cidade.
As actividades da UVigo no marco da Noite Galega das Persoas Investigadoras contan coa participación de persoal investigador de todos os centros de investigación da Universidade de Vigo (Atlanttic, CINBIO, CINTECX e CIM-UVigo) e coa colaboración doutras entidades convidadas como a Fundación CEER, o IIS Galicia Sur e os centros interuniversitarios CITMAGA e ECOBAS. No evento tamén participa persoal investigador en fase predoutoral contratado ao abeiro do Programa de axudas á etapa predoutoral da Xunta de Galicia, da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, cofinanciado pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.



