Volve a formación para as youtubeiras galegas co encontro creativo ‘A megacolab’

Este sábado, 22 de outubro, terá lugar a primeira das formacións para as youtubeiras e youtubeiros en galego grazas ao proxecto Youtubeiras, organizado polos servizos de normalización lingüística de doce concellos, das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña.

O encontro terá lugar en Santiago baixo o nome de Encontro creativo: ‘A megacolab’. Trátase dun encontro de creación colectiva que conducirá Gingko, formado por María Lobo e Roi Guitián. Ambos os dous traballan na produción audiovisual e na creación dixital. Nos últimos anos, puxeron as súas ferramentas e as súas estratexias ao dispor da educación mediática, a participación social e a cidadanía dende unha perspectiva comunitaria.

Na “megacolab”, que se celebrará no espazo Apego de Santiago de Compostela en horario de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas, promoverase a comunicación e creación colectiva coa idea de tecer rede e xerar colaboracións no futuro. Para poder participar, cómpre estar inscrito/a, ser creador/a de contidos e contar co material técnico básico preciso para gravar e editar vídeo.

Vindeiras formacións e encontros

O 1 de decembro, Youtubeiras ofrecerá unha sesión informativa en liña sobre asesoría fiscal orientada ao caso de creadores e creadoras de contido dixital. Baixo o título “Xestións, contas e outros enigmas”, Paloma López Retorta, de Cifras Asesoría, esclarecerá dúbidas relacionadas coa facturación, contabilidade e outros trámites administrativos que sexan obriga dos/as youtubeiros/as. O prazo de inscrición para esta sesión estará aberto entre o 7 e o 29 de novembro.

Ademais, Youtubeiras aposta de novo por facer un achegamento ao estudantado de diversos centros de ensino. Nestas sesións, que correrán a cargo de Olanxonmario, (Mario Brión Toucedo, gañador do premio Vídeo e do premio Youtubeiro 2021 e membro do xurado desta edición) e Neeumátiko (Nee Barros Fernández, gañadore do premio Calidade Lingüística 2021), presentaráselle á rapazada o proxecto, daráselle a coñecer diferentes canles que participan cada ano para que teñan de referencia e tamén se lles convidará a participar nos Premios Youtubeiras. Estas sesións celebranse en centros dos concellos de Ames, Moaña, Pontevedra e Santiago.

Con estas actividades, Youtubeiras busca ser unha iniciativa que vai máis aló duns galardóns. Nesta sexta edición, o proxecto ten como grandes propósitos xerar novos espazos de aprendizaxe especializado para youtubeiras, fomentar a creación de máis vídeos na nosa lingua, visibilizar e facer accesible a creación de Youtube en galego e impulsar a creación de novas temáticas.

Premios Youtubeiras

A sexta edición dos Premios Youtubeiras xa están en marcha e manteñen aberto o seu prazo de inscrición até o vindeiro 15 de novembro. Neste 2022, os galardóns entregarán 7.500 euros en premios entre oito categorías: canle, youtubeira/o, youtubeira/o revelación, vídeo, calidade lingüística, pioneiro, rede e o premio do público. Nesta sexta edición, ademais, admitiranse canles que só teñan un vídeo publicado, a diferenza da anterior convocatoria na que se requirían un mínimo de cinco. Toda a información sobre os premios e as súas bases atópase na páxina web www.youtubeiras.gal.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego