Vinte solistas de dez países competirán no ‘Compostela Lírica’

O certame celebrarase este sábado e este domingo no Auditorio de Galicia

Portugal, Mongolina ou Serbia son algunhas das dez nacionalistas das vinte cantantes que competirán esta fin de semana polos catro premios que se outorgan no Concurso de Canto Compostela Lírica, que neste 2022 chega á súa quinta edición.

Dez nacionalidades diferentes

O certame, organizado por Amigos da Ópera de Santiago coa colaboración do Concello de Santiago, a Xunta de Galicia e Deputación da Coruña, contará este ano con voces orixinarias de países como Mongolia, Colombia, Polonia, Serbia, Israel, Portugal e os Estados Unidos, que achegan cadanseu representante. Pola súa banda, dende Francia e Corea do Sur participarán dous solistas. Os nove restante son de España e proceden de Canarias, Andalucía Asturias, Valencia, Cataluña, Castela A Mancha e Baleares. Finalmente, Galicia disporá de dúas voces en competición.

“Os finalistas e o xurado terán unha misión difícil nesta quinta edición do concurso que, neste 2022, alcanzou unha gran difusión internacional”, sinalou José María Miranda, membro da xunta directiva de Amigos da Ópera de Santiago, nunha rolda de prensa na que tamén participaron a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; o director xeral de Cultura de la Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo, e o propio presidente de Amigos da Ópera, Jesús Couceiro.

Novo terceiro premio

O V Concurso de Canto Compostela Lírica aumentou este ano tanto o número de premios que entrega como a súa dotación económica. Así, nesta quinta edición pasarase de entregar dous premios a tres. O primeiro deles está dotado con 4.000 euros e contará con tres recitais remunerados (un coa Real Filharmonía, outro no marco do Festival Les Musicales du Luberon e un rol na temporada da Ópera de Oviedo). O segundo premio consistirá en 2.000 euros e nunha actuación remunerada en Santiago de Compostela. O novo terceiro premio estará dotado con 1.000 euros e un diploma acreditativo. Ademais, as voces de orixe galega competirán a maiores nunha categoría propia, o Premio Andrés Gaos, consistente nunha actuación remunerada patrocinada polo Consello da Cultura Galega. A dotación dos tres galardóns principais está financiada pola Fundación José Otero-Carmela Martínez.

Sesións abertas ao público

O Auditorio de Galicia acollerá o venres 2 de decembro a partir das 17.00 horas a primeira fase eliminatoria, na que cada participante interpretará un aria fronte ao público e ao xurado, conformado con nomes de recoñecido prestixio no mundo da ópera, que se encargará de escoller os finalistas que pasarán á segunda e definitiva fase do concurso. Esta fase final celebrarase no Auditorio de Galicia o sábado 3 de decembro a partir das 19.00 h, tamén será aberta ao público xeral e determinará os catro galardóns polos que se compite. A entrada será libre e de balde en ambos os dous días.

 

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego