A organización do Festival Revenidas destaca o “bo ambiente” da edición 2026 na que xuntaron arredor de 20.000 persoas. A xornada con maior convocatoria foi a do sábado, que reuníu a 7.000 persoas. A iso hai que sumar as 4.000 persoas que acudiron o xoves, as 6.000 do venres e as 3.000 que se achegaron o domingo para sumar todas as cifras.
Con todo, Xoán Quintáns, o organizador do Revenidas, fai fincapé en que “a nosa prioridade nunca foi entrar na batalla dos números, porque temos unha proposta moi diferente respecto de boa parte do circuíto de festivais. Por iso, aínda que estamos moi satisfeitos co número de asistentes que congregou o Revenidas nesta edición, para nós son moitísimo máis importantes a cantidade de agradecementos que recibimos, tanto por parte dos grupos como do público, e o extraordinario ambiente que se vivíu nestes catro días en Vilaxoán, tanto dentro como fóra do recinto”.
“É un público incondicional”
Máis alá das cifras, a edición estivo marcada polas altas temperaturas diurnas, algo que se fixo especialmente patente na xornada do sábado, que deu comezo ás 11 da mañá. Pero a calor non foi obstáculo para que a xente desfrutase ao mediodía con absoluta entrega de concertos como os de The Rapants, Fillas de Cassandra ou 9Louro. “O público do Revenidas segue sendo un público incondicional que ven a desfrutar da música”, sinala Quintáns.
E iso foi precisamente unhas das cousas que máis agradeceron os grupos que participaron no festival. “Todos sen excepción nos comentaron que o que viven –e como o viven– no Revenidas, lles acontece en moi pouquiñas ocasións”, comenta o organizador.
De feito, foron moitos os grupos (como La Gossa Gorda, que fixeron en Vilaxoán o penúltimo concerto da súa historia, El Drogas, Evaristo, Dakidarría, The Rapants ou Rebeliom do Inframundo, entre outros) que trasladaron esa mensaxe de xeito público dende o escenario.
Os organizadores subliñan con especial fincapé o “excepcional ambiente” que se viviu durante estas catro xornadas no recinto do festival e no conxunto de Vilaxoán, nas que non houbo que lamentar ningún tipo de incidente. Os servizos de emerxencia non tiveron que intervir salvo nalgún leve corte ou algunha baixada de tensión.
Éxito de Ondas e Partículas
Mención especial merece a receptividade que tiveron as actividades programadas no escenario Ondas e Partículas, unha das novidades deste ano. Foron moitísimas as charlas e obradoiros que completaron o aforo da carpa na que estaba ubicada este escenario, e nalgunhas incluso houbo xente que seguiu a actividade de pé dende o exterior.
Os responsables da iniciativa –o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), co apoio da Fundación de Ciencia e Sociedade do CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear)– tamén trasladaron á organización do Revenidas o seu agradecemento por como se desenvolveron estas xornadas e manifestaron o seu desexo de que en futuras edicións o Revenidas poida seguir acollendo actividades de divulgación científica, como neste ano.
Outro dos grandes atractivos deste Revenidas foi o posto de merchandising, un dos espazos máis concorridos do festival. Dende a primeira hora da primeira xornada, o público ateigou este espazo para facerse con algunha das camisetas, sudadoiros, bolsas e complementos coa imaxe do Revenidas. A organización do festival lembra que a partir de agora todo ese merchandising pode ser adquirido a través da web revenidas.com, na que mesmo se repoñerán aquelas pezas ou aquelas tallas que se esgotaron no recinto.
Repercusión económica
A maiores da súa vertente artística, o Revenidas amosouse de novo como un relevante elemento dinamizador da economía de Vilaxoán e da súa contorna. O festival xerou máis de 150 postos de traballo directos, aos que hai que sumar outras 500 persoas, entre músicos e técnicos.
Un ano máis, a organización do Revenidas quere expresar o seu máis sincero agradecemento aos traballadores do festival (persoal das barras, de limpeza, de seguridade, produción, técnicos, catering, comunicación…), polo seu esforzo e o seu compromiso. “Ademais dos artistas, eles son os principais responsables de que o festival sexa posible e de que se converta cada ano en algo tan especial“, sinala Xoán Quintáns, que tamén ten un recordo e un agradecemento especial para os veciños de Vilaxoán pola súa xenerosidade e pola súa acollida, grazas ás cales o Revenidas convértese cada ano nun exemplo de convivencia.
A organización do Revenidas tamén quere trasladar o seu agradecemento aos patrocinadores institucionais e privados que fixeron posible a realización do festival polo seu compromiso co Revenidas, un compromiso que na maioría dos casos xa se remonta a varios anos e moitas edicións.



