Os Premios Lingua e Empresa do Concello de Ames recibiron este ano o triplo de candidaturas con respecto á pasada edición, un feito que destacan dende o departamento de Normalización Lingüística que organiza o evento. O total de empresas que concorren aos galardóns son 26, dúas delas recoñeceranse con premios de 1500 euros e unha campaña publicitaria en Ames Radio, a emisora municipal.
Premios
Os premios Lingua e Empresa naceron co obxectivo de promover o uso do galego na actividade económica do Concello de Ames, concretamente no ámbito empresarial e comercial. Así, ao longo das súas catro edicións foron recoñecidas e premiadas numerosas empresas do municipio que contribuíron ao emprego e difusión da lingua galega tanto na súa comunicación interna como de cara á clientela.
Este ano presentáronse ao certame un total de 26 empresas, unha cifra que triplica a participación da edición anterior. A convocatoria ten dúas categorías: na primeira delas concorreron negocios que fan un uso consolidado e estable do galego (dende fai máis de dous anos) e, na segunda, participaron empresas que naceron nestes dous últimos anos ou que incorporaron a lingua galega na súa comunicación nese mesmo período. A dotación económica será de 3.000 euros en total, 1.500 para cada unha das categorías. Ademais, o premio inclúe unha campaña de difusión en Ames Radio, a emisora municipal.
Composición do xurado
Nesta ocasión, o xurado está formado por Adrián Cunha Veira, de Pixelin Photo, como representante das empresas gañadoras na pasada edición; Miguel López Crespo, secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), en nome dos consumidores e consumidoras; e Rocío Loureiro Abalo, graduada en Lingua e Literatura Galega e especialista en Normalización Lingüística. A técnica do departamento de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras, actuará como secretaria en representación do Concello de Ames.
As empresas gañadoras desvelaranse na Gala Lingua e Empresa o vindeiro 17 de decembro ás 19:00 h, na Casa da Cultura do Milladoiro. Esta gala será un acto aberto ao público no que se pretende poñer en valor o tecido empresarial local xunto co uso do idioma.