Este 13 de novembro cúmprense vinte anos do afundimento do Prestige provocando o verquido de 65.000 toneladas de crú ante as costas galegas. Trátase do maior desastre ecolóxico do noso país e que provocou unha marea solidaria na que milleiros de persoas acudiron a limpar o ‘chapapote’.
Para conmemorar esta data, a organización Ecoloxistas en Acción estreará hoxe en Vigo o documentario ‘Alegría’, producido pola organización ecoloxista e dirixido por Luís Otero. Nel, sinalan as causas que desencadearon a maior marea negra da costa galega e lembra que ante a inacción do goberno foi a marea branca de solidariedade a que se enfrontou ao “chapapote”.
Vinte anos despois
Pasaron dúas décadas e, segundo destaca Ecoloxistas en Acción, os efectos da vertedura do Prestige aínda están presentes na Costa da Morte. Por iso, solicitan que se adopten por parte das autoridades todas as medidas necesarias para evitar que se volvan a producir este tipo de accidentes.
Dende a organización ecoloxistas apuntan que o 70 % do transporte marítimo europeo pasa fronte a Galicia, uns 40.000 barcos ao ano, e aproximadamente un de cada tres (38 ao día) transporta mercadorías perigosas, ademais do seu combustible. Lembremos o accidente do quimiquero Blue Star na Ría de Ares o ano pasado.
Ecoloxistas en Acción coa produción deste documental quere lembrar que é necesario mellorar a coordinación de medios operativos permanentes e unidades de vixilancia marítima, así como o aumento da cantidade e calidade das inspeccións dos buques que atracan no litoral de Galicia. Piden tamén romper co modelo dependente do petróleo cuxas desgraciadas consecuencias para o planeta coñecemos e lembrar a onda de solidariedade, a marea branca que foi quen de enfrontarse a gran mancha negra. Por iso, escolleron ‘Alegría’ como título deste documental xa que se trata do berro de guerra contra o chapapote que os voluntarios e voluntarias entoaban cando o cansazo facía efecto neles.