A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou a programación da 29ª edición do festival Viñetas desde o Atlántico. Segundo relatou Rey, esta será a edición “máis social e reivindicativo da historia do evento”. Ademais da alcaldesa, tamén participaron o director do festival, Manel Cráneo e o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Asistiu tamén Miguel Robledo, autor do cartel deste ano.
“O Viñetas é moito máis que unha semana en agosto. É un proxecto cultural que se estende durante todo o ano e que axuda a posicionar A Coruña como unha cidade creativa, dinámica e con ambición”, indicou Inés Rey. A alcaldesa tamén reinvidicou a capacidade deste tipo de eventos para crear conciencia: “Desde este Goberno temos claro que a cultura non é só ocio: é unha ferramenta para comprender o mundo e tamén para transformalo. Por iso, este ano o festival pon o foco na memoria social e democrática, usando a banda deseñada para contar historias que nos interpelan como sociedade e que nos obrigan a non esquecer”.
Pola súa banda, o director do festival, Manel Cráneo, quixo facer especial fincapé na relevancia que tiveron no deseño da programación as causas sociais. “Nun momento coma o actual”, subliñou, “o Viñetas aposta pola banda deseñada como medio de transformación da sociedade na que vivimos e por iso a memoria social atravesará varias das exposicións, dende as experiencias das loitas sociais e a Guerra Civil española ata a mostra de autores e autoras palestinos na Fundación Luis Seoane, que se incorpora como sede do festival”.
Neste sentido, Cráneo destacou que o Viñetas 2026 bate o récord de entidades colaboradoras cun total de 24, que inclúen, dende institucións como os Museos Científicos ata asociacións como Autobán, CUAC FM ou Amigos de la Ópera de A Coruña, festivais como Elas son artistas, organizacións como Amnistía Internacional, fundacións como Al Fanar e podcasts como El Nicho, de David Perdomo.
Como colofón a estas colaboracións, no mes de maio Viñetas contou cun grupo de oito alumnos e alumnas de prácticas da escola Pablo Picasso na área de deseño artístico das exposicións de Kiosco Alfonso e Palexco. Esta selección de alumnado contará tamén cun “showroom” o domingo 16 de agosto para poder mostrar os seus traballos. Esta colaboración consolida o compromiso de Viñetas desde o Atlántico de integrar ás novas xeracións no tecido profesional e darlles unha oportunidade para entrar en contacto co mercado.



