Do 12 ao 18 de agosto o ‘Viñetas desde o Atlántico‘ volverá unha vez máis á cidade da Coruña. A alcaldesa, Inés Rey, recibiu no Palacio Municipal de María Pita a Manel Cráneo, novo director artístico do certame que celebrará a súa edición número 27, como é habitual, no mes de agosto.
O encontro serviu para confirmar as datas de celebración dun dos festivais nacionais e internacionais máis importantes da banda deseñada. “O Viñetas seguirá sendo unha referencia das nosas festas e farao da man de Manel Cráneo, unha referencia absoluta e unha figura de consenso do sector a nivel coruñés e galego”, indicou Rey.
Manuel Cráneo é ilustrador e autor de numerosos cómics, publicacións e volumes colectivos. Foi presidente da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGOI) e vicepresidente da Federación de Asociacións de Ilustradores Profesionais (Fadip). Tamén é fundador e director da plataforma colectiva Coruña Gráfica e creou Demo Editorial.
“Manel Cráneo xa foi unha peza moi importante na edición coral do 2023 e estou segura de que baixo a súa dirección e co apoio total do Concello darémoslle un novo pulo a este festival tan querido por todos os coruñeses e coruñesas”, indicou Inés Rey.
Genie Espinosa deseñará o cartel
Por outra banda, o encontro tamén serviu para desvelar o nome da artista encargada da creación do cartel do XXVII Viñetas desde o Atlántico. Manel Cráneo comunicouse á alcaldesa que a artista catalana Genie Espinosa levará a cabo a imaxe deste ano.
Espinosa (Badalona, 1984) é ilustradora, autora de cómics e muralista. Traballa tanto para publicacións editoriais como para clientes como Apple, Sony, Nike, Amazon, Spotify ou Estrella Galicia, entre outras. O seu estilo, tal e como indicou Cráneo, caracterízase por unha paleta de cores fortes, perspectivas hiperbólicas e personaxes non normativas.