‘Viñetas desde o Atlántico’ arranca na Coruña coa programacion propia dun “festival da banda deseñada”

A Coruña está a ser estes días en punto de encontro para amantes da banda deseñada coa celebración desta cita internacional de referencia grazas á nova edición de ‘Viñetas desde o Atlántico’ que continuará ata o 18 de agosto.

O evento conta cun total de 18 exposicións, máis de 100 sesións de sinaturas, traballos de máis de 40 autoras e autores galegos, unha vintena de editores de toda España e máis de 30 actividades na Rúa da BD.

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu na tarde de onte, martes, a apertura desta 27ª edición de Viñetas desde o Atlántico, o Salón Internacional do Cómic da Coruña, a primeira edición baixo a dirección do autor coruñés Manel Cráneo.

Presentación do evento

A rexedora estivo acompañada no acto celebrado no Kiosko Alfonso polo propio director do certame e polo concelleiro de Cultura e Turismo do Concello da Coruña, Gonzalo Castro. Tamén asistiron autores e autoras convidadas desta nova edición de Viñetas, ademais de outros artistas participantes e entidades colaboradoras, expositores e diferentes profesionais do sector da BD galega.

“Seguimos chamándoo Salón do Cómic, pero en realidade comeza nesta tarde un auténtico festival da banda deseñada, aberto ás distintas formulacións culturais que rodean a páxina ilustrada, o que se vai traducir en decenas de actividades, a maioría de carácter innovador”, engadiu a alcaldesa, Inés Rey.

Internacionalización e BD independente

As temáticas sociais, a internacionalización e a aposta pola banda deseñada independente e experimental son as claves do festival, que dedicará exposicións monográficas a Genie Espinosa, Lucas Varela, Marcello Quintanilha, Kundo Krunch, Susanna Martín, Marc Torices, Yeyei Gómez e Jorge Campos.Durante os sete días de festival, asinarán os seus libros figuras da talla de Artur Laperla, Paula Cheshire, Miguel Robledo, Bea Lema, Martín Romero, Fran Jaraba, Jordi Bayarri, Emma Ríos ou David Rubín, entre moitas outras.

Viñetas desde o Atlántico 2024 acollerá tamén as exposicións das firmas gañadoras do Premio Castelao de Banda Deseñada 2023, Paula Mayor e Cristian F. Caruncho, e a mostra dos fanzines presentados ao I Premio Autobán, ademais da exposición colectiva ‘Toriyama en Galicia’, que lle rende homenaxe ao autor de personaxes xa míticos do noso imaxinario como Son Goku ou Arale.

Late Night Show

Disciplinas como cinema, o teatro e a música, sempre relacionadas co universo da banda deseñada, incorpóranse ao cartel deste Viñetas 2024, que contará con obradoiros para público profesional e infantil e cunha novidosa serie de entrevistas cos autores convidados en formato ‘Late Night Show’ no Teatro Colón, onde participará, tamén, Fermin Muguruza.

Durante a celebración de Viñetas desde o Atlántico, A Coruña amosa máis dunha vintena de figuras de cómic a tamaño real en emblemáticas localizacións da cidade, como os Xardíns de Méndez Núñez, a Praza de María Pita, o Obelisco ou o Kiosco Alfonso.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego