Vimianzo prepárase para acoller esta fin de semana un novo Asalto ao Castelo

Todo preparado en Vimianzo para acoller unha nova edición do festival Asalto ao Castelo, que contará cunha ampla programación para encher a vila de actividades para todos os públicos os días 4 e 5 de xullo.

O venres, día 4, as actividades realizaranse ao longo de todo o día, pero o punto álxido chegará ás 21:30 horas coa XIV Cea Medieval no Foso do Castelo, amenizada por Suso de Xornes, Lupe Blanco, Cé Orquestra Pantasma e Queimada. Os concertos correrán a cargo de Che Sudaka, Monoulious Dop e La Yaya Dj.

Xa o sábado, a programación continuará durante todo o día, con obradoiros, mostra de artesanía, torneos, música e os tradicionais Pinchos Irmandiños, que darán comezo o día 1. Xa pola noite, o trío Alana inaugura a quenda de concertos, seguido de The Rapants, antes do gran momento do Asalto ao Castelo, programado para as 23:30 horas. A noite finalizará coas actuacións de Heredeiros da Crus, Firkin e Mekanika Rolling Band.

A alcaldesa do Concello de Vimianzo, Mónica Rodríguez, asinou cos representantes da AC Cherinkas e Axvalso o convenio de colaboración para apoiar a organización do Asalto ao Castelo, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia.

O Concello destina este ano unha partida de 35.000 euros para a organización da celebración, que cada ano atrae a milleiros de persoas. A rexedora destacou “o compromiso coa preservación das tradicións locais” e resaltou “o enorme traballo que hai detrás desta festa única, cunha organización que con moito traballo, esforzo e dedicación, consigue que cada ano o Asalto siga medrando”.

Rodríguez puxo en valor “a aposta decidida do Concello de Vimianzo pola conservación e fomento das nosas tradicións, apoiando eventos coma este, para que sigan crecendo e ofrecendo diversión, cultura e historia a todas as persoas que nos visitan”.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego