Valentín G. Formoso protagoniza o 10º episodio do Vagón de Nós Televisión

Empezou en política admirando a Paco Vázquez e a Felipe González e hoxe, moito tempo despois, di que votaría a Amancio Ortega se o fundador de Inditex se presentase ás eleccións. No 2027 cumprirá 20 anos como alcalde do Concello das Pontes, un lugar en plena transición tras o peche da central térmica; e xa fixo 10 á fronte da Deputación da Coruña, unha institución que di que podería desaparecer, pero iso si, se algunha outra se fixese cargo de facer o traballo que eles fan hoxe en día.

Valentín González Formoso protagoniza o 10º capítulo do programa de videopodcast #OVagón que presenta o xornalista Luís Pardo e produce e realiza Nós Televisión, gravado no interior dun tren na Estación de Vedra.

O presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes fai un repaso pola súa vida política e persoal, nunha conversa chea de opinións tamén sobre o seu partido, o PSdeG, anécdotas, serias reflexións e tamén minutos de humor.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego