Unha verbena de reivindicacións nos Premios da Música Martín Códax 2022

A alegría e a comunidade da verbena encheu a gala da novena edición dos Premios da Música Martín Códax que tivo lugar o pasado mércores, día 5, no Pazo da Cultura de Pontevedra logo dos anos da pandemia. O escenario recreou o palco dunha festa construída pola actriz e guionista Carmen Conde, de Tarabela Creativa, e festexada por todas as asistintes. A electrocharanga orixinaria de Negreira, a Mekanika Rolling Band, marcou o transcurso da gala da que saíron co premio:

Airiños da Freba, na categoría Música Tradicional; Sheila Patricia, en Músicas do Mundo e Mestizaxe; a Banda Unión Musical de Meaño, en Bandas de Música Popular; Os d’Abaixo, en Folk; Grande Amore, en Electrónica; Xosé Miguélez 4tet, en Jazz e Músicas Improvisadas; Familia Caamagno, en Rock; e Grima, na categoría de Metal. Nastasia Zürcher foi a artista premiada en Blues, Funk e Soul, Sofía Espiñeira, en Canción de Autor/a, Mamá Cabra, en Infantil e Rebeliom do Inframundo, en Músicas Urbanas. As últimas categorías repartíronse en Orquestras, Grupos e Música de Verbena, para América de Vigo; Pop e Indie, para Néboa; e Música Clásica Contemporánea para Samudra Trío.

Os Premios Organistrum recuperaron nesta novena edición o seu procedemento habitual tras a pandemia. En Comunicación e Difusión o proxecto premiado foi Descúbreas, o programa impulsado pola Deputación de Pontevedra para dar a coñecer ás mulleres profesionais do sector da música; en Salas o galardón foi para o local de Vilar de Santos, A Arca da Noe, e na categoría de festivais, subiu a recoller o premio a persoa representante do histórico Festival de Ortigueira.

En canto ás novas categorías: o premio á Artista do Ano foi á cantante e compositora galego-suíza Nastasia Zürcher e o galardón a Artista Emerxente para a cantante galega residente no País Vasco, Antía Muíño. A grande ovación da noite foi, como era de agardar, para Fuxan os Ventos, Premio Honorífico 2022. 

Os premios están organizados por Músicas ao Vivo, e patrocinados por Bodegas Martín Códax co apoio do Concello de Pontevedra, Agadic-Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego