Unha nova etapa para a colección Ronsel de Galaxia

Juan Parcero inaugura a nova etapa da Colección Ronsel de Galaxia. A canella infinita é o título da novela na que o escritor moañés retrata, “nunha historia engaiolante e poliédrica” ambientada nos anos oitenta, o encontro de dúas xeracións en Aferróns, unha vila consumida pola droga e poboada de pantasmas e sombras.

Como sinala a Editorial Galaxia na súa web, a Ronsel foi unha colección emblemática na súa traxectoria editorial e na que publicaron, nos anos 80 do século pasado, “algunhas das súas primeiras obras autores como Miguel Anxo Murado, Xesús Manuel Valcarcel ou Darío Xoan Cabana”. Recupérana agora, afirman, para “dar cabida a novas voces e novas temáticas das nosas letras”. Neste sentido contan con publicar ao longo deste ano 2024 unha ducia de títulos.

A histórica editorial galega cumprirá 75 anos en 2025. A recuperación da Colección Ronsel inscríbese dentro das novidades editoriais que conducirán á celebración do seu aniversario. 

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego