A Coruña e Galicia vivirán un momento histórico este verán pola súa situación privilexiada para observar a eclipse total de sol do próximo 12 de agosto. Pero a Mostra de Cinema Periférico da Coruña conseguiu adiantarse a este acontecemento unindo na súa xornada inaugural luz, cine e astros. A XVII edición do (S8) comeza este martes 2 de xuño na Filmoteca de Galicia seis días de programación con «O obturador cósmico», unha sesión con películas sobre eclipses realizadas desde a mirada de cineastas e épocas tan diversas como El eclipse: el cortejo entre el Sol y la Luna (1907), de Georges Méliès, Shutter (2019), de Alexi Manis, ou Ich Bin 33 (2000), de Jan Peters.
Esta sesión especial, sirve tamén de homenaxe ao fotógrafo José Sellier, pioneiro da cinematografía en España por ter sido o primeiro en filmar co invento dos irmáns Lumière precisamente aquí, na praia coruñesa do Orzán. Desas primeiras imaxes en movemento rexistradas por Sellier non se conserva nada, pero o que si ten chegado ata nós é a serie fotográfica que realizou da eclipse solar de 1912 que tamén se puido observar desde Galicia. E témolas grazas ao coleccionista e programador Guillermo Escrigas, xa falecido, quen as atopou reproducidas nunha tarxeta postal da época. Un dos seus fillos, Fausto Escrigas, estivo na proxección da Filmoteca que comezou con esas fotos da eclipse de Sellier animadas, dándolles ao fin unha merecida vida cinematográfica.
INAUGURACIÓN NA DOMUS
Tras este primeiro programa, a luz do cine desprázase á Domus para a celebración da sesión inaugural coa presenza do concelleiro de Cultura e Turismo do Concello da Coruña, Gonzalo Castro, e do director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil. Tamén a directora da Fundación Luis Seoane, Carmen Jiménez, o director dos Museos Científicos, Marcos Pérez, o director da Filmoteca de Galicia, Jaime Pena, e representantes de empresas colaboradoras da Mostra.
A sesión inaugural é a cargo de Jeanne Liotta, quen presenta Path of Totality (2017), unha film performance na que creou unha eclipse en directo inundando o espazo da maxia do uso da luz como narración. Empregando proxectores de 16 mm, lentes e obxectos inventados, a artista neoiorquina fixo ao público partícipe dunha experiencia colectiva similar á dunha eclipse real, transformando a atmosfera compartida da sala a través da imaxe e do son, interactuando en todo momento coa proxección.
SEDES E KIT PARA A ECLIPSE
Este ano o (S8) celébrase en catro sedes: a Filmoteca de Galicia, a Domus, Cantones Cines e a Fundación Luis Seoane. Proxectaranse 161 pezas de 88 cineastas e 16 países diferentes, con estreas mundiais, internacionais e nacionais. Os convidados —arredor de 80 persoas de todo o mundo— recibirán na bolsa do festival, ademais do catálogo da Mostra, unhas gafas de observación da eclipse adquiridas polo (S8) e unha guía da eclipse do próximo agosto proporcionada pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío.
A programación esténdese ata o domingo 7 de xuño, incluíndo varios focos internacionais, o máis destacado da cinematografía de vangarda da Península Ibérica e América Latina, e sesións de cine expandido. Tamén, encontros de estudantes de Belas Artes e unha clase maxistral e mais unha sesión especial cos arquivos da Kinothek Asta Nielsen dedicada ao cine feminista e queer. Todas as sesións son de acceso libre ata completar aforo.
A XVII Mostra de Cinema Periférico está organizada pola Asociación Cultural eSe8 e conta co patrocinio da Concellería de Cultura e Turismo do Concello da Coruña e o apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic), a Deputación da Coruña, o Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA), Acción Cultural Española (AC/E) e mais a Fundación Luis Seoane.



