Unha andaina aberta á cidadanía revivirá a fundación do Seminario de Estudos Galegos

A andaina fundacional do Seminario de Estudos galegos (SEG) centrará os actos de celebración do 100 aniversario da creación desta institución cultural e científica galega. Sete institucións unen esforzos para levar a cabo unha xornada de festa o vindeiro 12 de outubro que comezará coa repetición do traxecto a pé entre Santiago de Compostela e Ortoño, lugar da nenez de Rosalía de Castro, no que 100 anos atrás xurdiu a idea de constituír no marco universitario un grupo consagrado á investigación da cultura galega.

Co Consello da Cultura Galega como coordinador uníronse neste proxecto a Real Academia Galega, Museo do Pobo Galego, Universidade de Santiago, Xunta de Galicia, Concellos de Ames e de Santiago de Compostela. A andaina incluirá a celebración dun acto festivo no campo da festa de Ortoño no que haberá música e un xantar popular.

Congreso previo á andaina
“Saber de nós: Cen anos do Seminario de Estudos Galegos” é un congreso organizado polo Consello da Cultura Galega en catro sesións que terá lugar os días 10 e 11 de outubro e no que se abordará, entre outras ideas, a madureza da concepción como nación europea e na reivindicación do galego como idioma culto e plenamente desenvolvido.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego