Un socialismo propio, o cooperativismo no Beiras mozo

A editorial Campanha, selo da cooperativa Sacauntos, rescata dous traballos do economista e histórico dirixente nacionalista Xosé Manuel Beira saparecidos en 1959 na Revista de Economía de Galicia, cun estudo introdutorio de Carlos Calvo Varela no volume ‘Un socialismo propio, o cooperativismo no Beiras mozo’.

O libro sitúanos en 1959 cando un mozo Xosé Manuel Beiras publica os seus dous primeiros traballos científicos na recén creada Revista de Economía de Galicia. Durante o último curso en París frecuentara asiduamente o fondo nórdico da Bibliothèque Sainte-Geneviève e os seminarios do especialista en economía cooperativista Georges Lasserre. Esta nova bagaxe teórica moderna xunto co acopio de material empírico, conxugada coas conversas que desde adolescente viña mantendo con Cruz Gallástegui, permítenlle culminar o programa máis acabado teoricamente da proposta económica clásica do Partido Galeguista: o cooperativismo de base agropecuaria inspirado no modelo danés. Unha «utopía real», como diría Erik O. Wright, descrita por Castelao con todo o colorismo: «Vexo pazos para albergar as Cooperativas, mellores que en Dinamarca».

Agora, no Ano Internacional das Cooperativas, ‘Un socialismo propio’ volve a estes textos, traducidos ao galego, cun estudo introdutorio dos primeiros anos de formación política e intelectual de Xosé Manuel Beiras asinado por Carlos Calvo.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego