Concello da Estrada e veciños de Berres colaborarán este 27 de setembro nun roteiro teatralizado que dará continuidade ao programa de actos deseñado para a conmemoración do Ano Cultural Avelina Valladares a que en Nós lle dedicamos esta REPORTAXE.
A actividade ten como obxectivo profundar no coñecemento e difusión da figura desta escritora estradense, percorrendo algúns dos lugares fortemente vencellados tanto á súa biografía como á súa obra. Con participación libre e gratuíta, o acto arrancará ás 18 horas do adro da igrexa de Berres, parroquia na que se erixe o Casal de Vilancosta, fogar dos célebres irmáns Valladares e polo que Avelina sempre sentiu especial adoración.
A proposta, organizada polo Concello da Estrada a través do seu departamento de Cultura e coa colaboración do espazo radiofónico “O Recuncho da Lingua” (na emisora municipal Radio Estrada), inclúe a participación da Escola Municipal de Artes Escénicas (EMAE), o Obradoiro de Música Moderna Carlos Barruso e a agrupación de música e baile tradicional Tequexetéldere. Todos eles serán protagonistas do roteiro teatralizado e musicalizado co que os asistentes irán percorrendo algúns recunchos especialmente significativos para coñecer a Avelina Valladares.
Deste xeito, o punto de partida será o propio adro da igrexa parroquial de Berres, onde comezarán as representacións a cargo de actores da EMAE, inspiradas na obra “Os Seráns en Vilancosta”, de Santiago Cortegoso, que se puxo en escena con grande éxito hai uns meses no Teatro Principal da Estrada.
Dende este primeiro emprazamento, os participantes collerán camiño cara Vilancosta, onde se atopa a casa natal de Avelina, e, de seguido, continuarán cara O Areal. Neste fermoso espazo a carón do río Ulla entrará en escena o Padre Xiao, que representará a bendición da barca dos Valladares. Neste mesmo paraxe, Isabel Rei Sanmartín ofrecerá un recital do “Cancioneiro dos Valladares”. A ruta estará chea de sorpresas e servirá para coñecer máis de preto á Cantora da Ulla, para axudar a lle poñer rostro a unha muller avanzada ao seu tempo, unha voz do Rexurdimento da que non se conserva ningunha imaxe pero cun legado que o Concello da Estrada quere poñer en valor e divulgar neste Ano Cultural Avelina Valladares. O programa aínda reserva novas actividades para os vindeiros meses.



