Inaugurase en Vigo a exposición “Un país ilustrado. As cubertas de Galaxia”. A mostra está comisariada por Xurxo Martínez González, coa coordinación e deseño de Hayat Husein, e producida polo MARCO (Museo de Arte Contemporánea de Vigo), coa colaboración de Editorial Galaxia e a Fundación Penzol e a apertura celébrase este 30 de xaneiro ás 20 horas.
“Un país ilustrado. As cubertas de Galaxia” é un proxecto expositivo reivindica o protagonismo e a relevancia dos deseñadores que traballaron na Editorial Galaxia ao longo dos seus 75 anos de historia. O seu propósito é traer ao primeiro plano o labor de deseño e imaxe da editorial a través dunha mostra das súas cubertas, organizadas segundo criterios cronolóxicos e temáticos.
A mostra comeza cunha contextualización da Editorial Galaxia como proxecto, dende as motivacións dos seus fundadores en 1950, ata os novos horizontes do actual equipo, con especial atención á figura de Xaime Isla Couto, polo seu descoñecido papel no deseño de Galaxia. A partir de aquí, a montaxe organízase en catro seccións coincidentes coas etapas á fronte do deseño editorial de Xohán Ledo (1950 -1979), Francisco Mantecón (1979 -1985), Manuel Janeiro (1979 -2010) e Hayat Husein (de 2010 ata o presente). Ao fondo da sala, unha escolma de obras pictóricas, como exemplo de como a Editorial Galaxia escolleu determinados detalles de cadros para ilustrar as capas dos seus libros e coleccións. O proxecto inclúe unha área dedicada á literatura infantil, a medio camiño entre sala de exposición e espazo de experimentación. Xunto a exemplares dos primeiros libros infantoxuvenís en galego publicados por Galaxia, unha selección actual e versións de clásicos da literatura.
“Un país ilustrado. As cubertas de Galaxia” poderá visitarse no MARCO de Vigo ata o vindeiro 17 de maio de 2026.



