A cuarta edición do CeibaRimas 2024 reafirmou o seu éxito como a competición de freestyle en galego por excelencia. A Praza da Pedreira de Pontevedra foi testemuña dun evento vibrante que congregou centos de espectadores ao longo de toda a tarde e reuniu case 30 participantes nun día histórico para a cultura urbana galega.
O gran gañador desta edición foi Festra, que conseguiu a vitoria tras unha final moi disputada contra Mog. O camiño cara á final foi emocionante, con semifinais de altísimo nivel que mantiveron o público en tensión. Na primeira semifinal, Jallejo enfrontouse a Festra, mentres que na segunda, Big Meu e Mog protagonizaron un dos enfrontamentos máis duros da xornada, que se resolveu tras unha réplica, algo que engadiu aínda máis intensidade ao duelo.
Un dos momentos máis destacados da tarde foi a participación de Nubenegra, que se converteu na primeira muller en competir no CeibaRimas. Este feito histórico foi amplamente celebrado polo público, que a recompensou con fortes aplausos en cada unha das súas batallas, marcando un fito no evento e abrindo a porta a unha maior diversidade no futuro da competición.
Ademais das intensas batallas de rap improvisado, o público gozou dos concertos dos artistas emerxentes Verdini, Mestre, Galego de Caracas, Puto Rumeinian e Carola, así como dos concertos de Kid Mount e das Flow do Toxo, que puxeron o broche musical a unha tarde chea de talento. A mestura perfecta de competición, música e ambiente festivo converteu esta edición nunha cita inesquecible para todos os presentes.
O suceso do CeibaRimas 2024 demostra o crecemento do freestyle en galego e o seu papel chave na promoción do idioma e da cultura urbana. Con cada unha das edicións, este evento segue consolidándose como unha plataforma esencial para novos talentos e un espazo onde a improvisación e a creatividade son as verdadeiras protagonistas. Foron varias as ocasións en que o público, aguilloado polo speaker Lil Moma, voceou a consigna “Historia, historia”.
O CeibaRimas segue mirando cara ao futuro, mantendo a súa esencia e celebrando a riqueza do galego na música, nas rúas e na cultura urbana.